Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui, Salvaterra de Miño, O Porriño e Salceda de Caselas suspenden os campamentos de verán para salvagardar a seguridade de nenos e nenas

16/06/2020

A necesidade de manter as distancias de seguridade, a necesidade de uso de máscaras e a limitación de participantes, entre os condicionantes que levaron a tomar a decisión

Os concellos de Tui, Salvaterra de Miño, O Porriño, e Salceda de Caselas decidiron non organizar este ano os campamentos de verán para nenas e nenos, para garantir a súa seguridade e ante as limitacións de aforo nesta nova normalidade. A decisión únese á da Deputación de Pontevedra, que xa decidira suspender os seus, e segue a liña de actuación da Xunta de Galicia, que por seguridade mantén pechadas as escolas infantís e os colexios. 

As normas para  a realización destas actividades recollen a necesidade de gardar distancias de seguridade, uso de medidas de protección e un número máximo de 15 participantes por actividade, o que imposibilitaría dar entrada ás mesmas a moitas das crianzas interesadas.

Os campamentos de verán son unha actividade lúdica complementaria, que cada ano organizan os nosos concellos, nalgúns casos en colaboración coas ANPAS dos colexios, para axudar á conciliación da vida familiar e procurar unha alternativa de ocio para as cativas e cativos que durante o verán teñen que quedarse no municipio. Estas actividades deben terse sempre coma xeradaoras de momentos de lecer e distensión para as nenas e nenos, dende unha posición educativa e de integración co medio. 

A obriga de gardar a distancia de seguridade, as normas restritivas que impiden xuntarse grupos máis aló de 15 persoas ou o uso da máscara, todas elas medidas necesarias ante a pandemia que nos tocou vivir, fai que estas actividades non poidan manter a esencia das mesmas. Por outra banda, en determinadas idades e ambientes é moi difícil poder obrigar a manter unhas normas de conduta molestas cando se trata de ocio. Ademais, segundo as empresas do sector consultadas, sería moi difícil poder salvagardar a seguridade dos nenos e nenas fronte á COVID-19, no caso de que puidese darse algún contaxio.

Ante iso os concellos de Tui, Salvaterra de Miño, O Porriño, e Salceda de Caselas decidiron suspender as actividades de campamentos de verán, considerando que ésta é a única forma de salvagardar axeitadamente a seguridade dos nenos e nenas, agardando que esta situación mude e no ano 2021 oidan desenvolverse con normalidade. 

Eva Gardía de la Torre, alcaldesa do Porriño, Mª Dolores Castiñeira Alén, alcaldesa de Salceda de Caselas, Marta Valcárcel Gómez, alcaldesa de Salvaterra e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.