Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui recupera cunha exposición o traballo dos primeiros fotógrafos da cidade

10/04/2023

A mostra ‘A orixe da fotografía de Tui’ xa se pode visitar na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, até finais de mes

Os catro primeiro fotógrafos que tiveron estudo en Tui, Maximino Antonio, Pedro Varela, Rosendo Bugarín Menoyo e Gonzalo Gutiérrez, son os protagonistas da mostra “As orixes da fotografía en Tui”.

A mostra, organizado polo Concello de Tui, foi inaugurada o pasado sábado, na Sala de Exposicións Municipal, no marco das actividades programadas nas Festas de San Telmo. O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, o deputado provincial Carlos López Font, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, o historiador Carlos Castelao, e os comisarios da exposición Javier Álvarez Ribadulla  e Jose Font.

A mostra recolle as orixes do oficio da fotografía e a chegada dos primeiros fotógrafos e estudos á cidade de Tui. Esta selección de traballos fotográficos pon de manifesto a importante fonte de información que supoñen estes traballos para entender e coñecer o pasado e así axudar a revelar a imaxe do que somos e o que é hoxe en día Tui.

Cun percorrido que tamén fala da chegada desta arte a Galicia, cara o ano 1841, recóllense imaxes e datos de distintas personalidades tudenses coma Rosendo Bugarín, o primeiro fotógrafo tudense de nacemento, pero tamén do pioneiro neste arte da fotografía na cidade como foi o fotógrafo orixinario da Cañiza Maximino Antonio Rodríguez, que montou o seu establecemento en 1870. Tamén se recollen os retratos de Pedro Varela Burgo-da Ulla, natural de Lugo que foi o segundo fotógrafo en ter gabinete de fotografía en Tui. Forma parte tamén desta exposición Gonzalo Gutiérrez que continuou a saga iniciada polo seu pai, José Félix Gutiérrez Rodríguez.

Na exposición pódense visualizar retratos individuais e familiares, encontros de músicos e de amigos, todos eles feitos por catro destes fotógrafos ‘residentes’ en Tui así coma dúas fotografías de María Vila Fernández, a esposa de Pedro Varela, que foi unha das poucas mulleres con estudo propio na provincia de Pontevedra.

A mostra ‘A orixe da fotografía en Tui’ pode visitarse até finais de mes na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, de luns a venres en horario de 9 h a 14 h e de 16 h a 21 h, e sábados, domingos e festivos de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.