Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui reclama unha igualdade real e efectiva coa campaña “Somos e seremos Inmarcescibles”

6/03/2020

A tudense Andrea González deu lectura ao manifesto, e presentáronse as primeiras Mulleres Senlleiras 2020

A praza do Concello acolleu hoxe o acto institucional da campaña “Somos e seremos Inmarcescibles” para conmemorar en Tui o Día Internacional da Muller.  A lectura dun manifesto, poesía e a presentación dalgunhas das Mulleres Senlleiras 2020 centraron o evento realizado.  Estiveron presentes o alcalde de Tui,  Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, membros da corporación municipal, representación de distintos centros educativos e público en xeral.

Abriu o acto a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, reivindicando unha igualdade real e efectiva para as mulleres e todos os ámbitos da vida, e reiterando o compromiso do goberno municipal coa igualdade. Explicaba o lema da campaña e da palabra inmarcescible “que non murcha, que perdura sen perder a súa forza ou intensidade”, e dicía que “precisamente esa forza ou intensidade é a que nos identifica coma mulleres, e é a que nos fai saír á rúa cada 8 de marzo para reclamar a liberdade, a nosa propia pero tamén a de todas aquelas mulleres silenciadas pola violencia, polo simple feito de ser mulleres, e sobre todo polas que virán”.  Afirmaba que o obxectivo da campaña é “visibilizar a todas e cada unha das nosas mulleres”. Ana Mª Núñez, expuña que “neste momento no que algúns pretenden alzar  a voz máis forte, desacreditarnos e cuestionar os nosos dereitos e liberdades, temos que dicir alto e claro que non nos pararán, porque non imos abandonar, somos e seremos inmarcescibles”.

A pianista tudense, directora do IKFEM e unha das Top 100 Mulleres Líderes en España, Andrea González, daba lectura ao manifesto no que se indicaba que “este non é un día de celebración, é o día para tomar conciencia e ser responsables. Y non só hoxe, senón todos os días, todos os anos”.  Pese aos progresos dicía o manifesto “as mulleres e nenas seguen sendo infravaloradas; traballan máis, gañan menos, e teñen menos opcións; e sofren múltiples formas de violencia no fogar e en espazos públicos”. Tamén se referiu a ameaza de reversión dos logros feministas que tanto esforzo custou conseguir. Andrea González sinalou que “o 2020 representa unha oportunidade excepcional para mobilizar a acción mundial con miras a lograr a igualdade de xénero e a realización dos dereitos humanos de todas as mulleres e nenas”. O manifesto concluíu indicando que “a construción dunha sociedade libre e xusta esixe a erradicación de todas as formas de discriminación e de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo”, engadindo “Porque non hai liberdade sen dereitos humanos das mulleres, porque sen mulleres libres non hai democracia”.

A poetisa tudense Emilia Rosende daba lectura a tres poemas seus coa muller coma protagonista.

Amais foron presentadas as “Mulleres Senlleiras de Tui 2020”, un proxecto para dar visibilidade a mulleres anónimas que se realiza en colaboración cos centros educativos tudenses. Hoxe deron a coñecer as súas Mulleres Senlleiras o CEIP Pazos de Reis que presentou a Vanesa Estévez Martínez de 33 anos directiva nunha empresa internacional. O seu afillado Jorge Martínez explicaba orgulloso que xa de pequena “tiña moi boas dotes para a organización” e “converteu o seu xogo de pequena no seu traballo de maior”. Tamén dende o CEP de Pazos de Reis Lucía e Ángel Benade presentaron a Natividad Nieves Claudia de la Fuente de 95 anos que tivo 10 fillo, ten 20 netos e 21 bisnetos e foi comadroa, e a Rosa Mª Velasco Puente de máis de 70 anos que foi profesora de inglés “axudando con esta lingua a moitas persoas en Tui nunha época na que case ninguén falaba esa lingua”.

Dende o CEIP de Guillarei presentaron a Chelo, de 91 anos, da que falou a súa bisneta, Lorena Rodríguez, que a cualificaba de “muller única, porque sempre loitou pola súa familia e aínda segue loitando”. Amais Gabriel Novás presentaba a súa avoa Mª Delia Dacunha Ferreira unha muller a que dicía “é única e especial” e que na súa vida tivo que percorrer un longo camiño “sen deixar de sorri, ser humilde e bondadosa”.

Dende o CEIP nº1 dúas foron as Mulleres Senlleiras Propostas. Natalia Lago Bravo, educadora ambiental que traballa no Parque Natural do Monte Aloia foi a Muller Senlleira que presentou Martín Álvarez do CEIP nº 1 da que dicía lle gusta pensar que “grazas a ela algún  neno ve a natureza dun xeito distinto”.  O seu compañeiro Javier del Valle falou da futbolista Sara González “Sara Tui” que vivía fronte á casa dos seus avó e que foi campioa do Mundo coa Selección Española de Fútbol Praia.

Por ultimo dende o CEIP de Randufe quixeron recoñecer a Pilar Vila González e a Ana Mª Nogueira García. Xiana Sampedro falou da súa avoa Pili que “dende moi pequena tivo que facer fronte a demasiadas responsabilidades e traballos excesivos para a súa idade” pese ao que “nunca perdeu o bo humor e as gañas de loitar”.  E Vera Álvarez e Uxía López explicaron que consideran que Ana Nogueira porque é “unha defensora dos dereitos dos animais, e en 1995 xunto a outras persoas fundaron unha Asociación Protectora de Animais” e levan 25 anos coidando de cans e gatos que non teñen un fogar os 365 días do ano.

Precisamente estas mulleres, xunto as propostas polos outros centros educativos tudenses, serán retratadas pola artistas Gemma Marqués, e as obras conformarán unha exposición que se abrirá o 27 deste mes.

A programación continua mañá sábado

A programación “Somos e seremos Inmarcescibles” continua mañá ás 20 h na Sala Félix Rodríguez, na Área Panorámica, co monólogo “En que pensan as mulleres”. Baia Fernández de la Torre, artista, poeta e terapeuta da risa. E ás 22 h celebrarase preto de 80 mulleres asistirán á Cea Homenaxe ás Mulleres no Parador de Turismo, organizada por mulleres de Tui na que colabora o Concello de Tui.

O domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 h celebrarase unha concentración na Praza da Inmaculada.  A continuación o Club de Lectura do IES San Paio levará a cabo unha lectura de poemas, e continuación Xoana presentando o seu traballo musical “Dardos”.

Ás actividades continuarán a próxima semana, o martes, 10 de marzo, ás 19 h co obradoiro “Mulleres fronte ao espello” impartido pola coach Hérika Míguez. O mércores 11 de marzo ás 10 h está previsto un almorzo informativo sobre o Pacto de Estado no que intervirá Laura Seara, avogada e exsecretaria de Estado de Igualdade. Trátase dun evento dirixido a empresas, profesionais, centros educativos, administracións, e público en xeral. Ambas citas serán na Sala Xacobeo da Área Panorámica. Xa o venres, 13 de marzo, ás 19 h no Espazo Xove na rúa Sanz terá lugar o taller ioga e meditación “Equilibrio mente e corpo” a cargo de Vanesa Rodríguez Martínez. Nestas tres actividades é recomendable inscrición previa en igualdade@tui.gal ou no 986 60 36 25 ext 54.

A programación continuará até o 28 deste mes.