Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui propón un percorrido pola súa decoración de Nadal

16/12/2022

Unha aldea, renos, monecos de neve, os Reis Magos, a ponte internacional ou a catedral son algúns dos motivos realizados en madeira que veñen recollido no rueiro de Nadal

A maxia do Nadal inunda as rúas de Tui, enchendo de cores, luces, casiñas de madeira, renos, réplicas da Catedral de Santa María ou da ponte internacional icónicos puntos da cidade.  Estes elementos veñen recollidos no rueiro de Nadal editado polo Concello que se pode descargar na web municipal ou obter impreso na Oficina de Turismo

O percorrido comeza na rúa Ourense, onde pode atoparse unha recreación en madeira dunha aldea dunha postal de Nadal que, acompañada cun luminoso que desexa unhas boas festas á cidadanía, dando a benvida ao Nadal tudense.

A rúa Augusto González Besada desemboca na praza da Inmaculada, onde a iluminación é a protagonista, cun manto de estrelas amarelas, renos iluminados e até un oso ataviado cos complementos de Papá Noel. Coma é tradición, fronte aos antigos xulgados, atópase o belén de luces.

Na súa fronte, no Paseo da Corredoira, mantense aberto o Mercado de Nadal, que até o vindeiro 5 de xaneiro ofrece a tudenses e visitantes produtos típicos en dez casiñas de madeira e foodtrucks.

A este céntrico paseo tamén chegaron os Reis Magos, presidindo unha casiña de madeira, mentres no percorrido até a Glorieta de Vigo, atopamos tres anxos no Palco da Música, e un reno ou un boneco de neve feitos con madeira, no propio paseo.

Camiñando cara o conxunto histórico na rúa Ordóñez preside a decoración unha árbore branca feita de madeira, a frecha do Camiño e a palabra Tui. Xa na praza de San Fernando atopamos unha réplica da vella ponte internacional, pola que os máis pequenos poden atravesar camiñando, mentres as luces do Nadal tenden un manto luminoso sobre a praza.  

A decoración de Nadal chega tamén as prazas de Fromista cunha reprodución da Catedral de Santa María; a da Estrela con decoración de Nadal en vermello e verde, á da praza da Armada cunha embarcación, e a do Pracer con animais de madeira.

O ambiente navideño do centro urbano complétase coa iluminación das rúas e prazas , e da gran árbore situada na intersección entre o Paseo da Corredoira e a Avenida da Concordia que da benvida á cidade nestas datas.

Rueiro de Nadal 2022