Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui homenaxea mañá á Associaçao Humanitaria de Bombeiros Voluntarios de Valença no seu centenario

22/11/2019

Os actos comezarán cun simulacro histórico na rúa Ourense e logo terá lugar a imposición da  Gravata de honra coa bandeira de Tui no Teatro Municipal

O Concello de Tui vai facer entrega mañá da Gravata de honra coa bandeira de Tui á Associação Humanitaria de Bombeiros Voluntarios de Valença ao cumprirse o centenario da súa creación. Deste xeito o Concello quere amosar o recoñecemento da poboación tudense a súa traxectoria de servizo altruísta e xeneroso.

O programa previsto comezará ás 17.00 h na rúa Ourense, no tramo entre a rúa Colón e rúa Lugo, cun simulacro histórico por parte da propia Associação Humanitaria de Bombeiros Voluntarios de Valença no que os bombeiros irán ataviados co uniformes antigos e empregarán ferramentas e vehículos históricos.

Ás 17.30 h no Teatro Municipal de Tui desenvolverase o acto solemne aberto ao público en xeral.  Intervirán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença, Manuel Rodrigues Lopes, e o presidente da Associaçao Humanitaria de Bombeiros Voluntarios de Valença, Fernando Oliveira. A escritora Marga do Val dará lectura a un poema dedicado aos bombeiros, e contarase coa actuación musical da Banda de Música Popular de Tui.  

A Associaçao Humanitaria de Bombeiros Voluntarios de Valença creouse en 1919 e dende o inicio mantivo sempre un estreito contacto e colaboración coa poboación tudense. Así llo recoñeceu o Concello nunha homenaxe que tivo lugar no 1934, e en 1990 foron nomeados fillos adoptivos de Tui e recibían a medalla de ouro do Concello. Mañá sábado recibirán a gravata de honra da cidade coa bandeira de Tui.