Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e Valença avanzan no proxecto de Eurocidade

27/07/2011

No mes de outubro está previsto asinar o protocolo de actuacións entre as dúas cidades

 

Tui e Valença do Minho están chamadas a ser unha Eurocidade, seguindo o camiño aberto por Verín e Chaves na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os dous municipios teñen vocación de traballo común e conxunto e o próximo obxectivo fixados polos seus mandatarios, Moisés Rodríguez, de Tui, e Jorge Salgueiro Méndes, de Valença do Minho, é precisamente converterse en Eurocidade. Para facer realidade este proxecto e dar o pasos axeitados na súa consecución os dous rexedores reuníronse esta mañá, na Cámara Municipal de Valença, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explica que Gamallo indicoulles na reunión desta mañá que Tui e Valença teñen moitas posibilidades de conseguir ser unha Eurocidade seguindo a estela de Verín e Chaves, coa vantaxe da proximidade dos cascos históricos dos dous municipios, separados a penas un parte de quilómetros.

 

Agora os dúas cidades deben traballar na elaboración dun proxecto común que presentar aos fondos europeos a finais de ano. Previamente os dous municipios deben asinar, posiblemente en outubro, un protocolo de actuacións, que será o primeiro paso formal para lograr a consecución deste proxecto.

 

Moisés Rodríguez sinala que sobre todo “na actual conxuntura económica hai que compartir servizos, como xa estamos facendo Tui e Valença” en referencia á piscina municipal e á ecopista valenciana, e ao centro de saúde e ao conservatorio tudense. Precisamente nese senso avanza o mandatario municipal que están estudando a posibilidade de implantar un carné de Eurocidadán, que dea acceso aos servizos dun e doutro municipio de xeito indistinto.

 

Por outra parte Moisés Rodríguez explicaba que a Eurocidade Tui-Valença permitirá tamén no futuro retomar con máis pulo o proxecto das dúas cidade coma Patrimonio da Humanidade, xa que daquela será moito máis doada a súa consecución.