Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e Valença acollen esta semana o III Congreso Internacional Camiño Portugués de Santiago

11/11/2019

O alcalde de Tui aposta pola coordinación entre administracións e con Portugal para asumir os desafíos que presenta o Camiño

O salón de sesións da casa do concello de Tui acolle este xoves, 14 de novembro, a primeira xornada do III Congreso Internacional Camiño Portugués de Santiago: un patrimonio cultural para a nova Europa organizado polo Grupo Compostela de Universidades.  O venres celebrarase no auditorio da Cámara Municipal de Valença, e o sábado os participantes realizarán un tramo do Camiño de Santiago entre Iria Flavia e Faramello en Santiago.

Este III Congreso Internacional foi presentado este mediodía na casa do concello de Tui por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Laureano Alonso, concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago; Domingo González Lopo, responsable do Comité Científico do Congreso e María Teresa Carballeira Rivera, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou o Camiño de Santiago coma un dos principais sinais de identidade tanto de Tui coma de Valença, polo que agradeceu ao grupo Compostela a celebración deste congreso na Eurocidade Tui-Valença. Referiuse amais aos retos e desafíos que presenta o Camiño de Santiago que deben ser abordados “dende a perspectiva dunha maior profesionalización e dende logo dun maior coñecemento” polo que considera que “todos cantos debates e traballos se fagan sobre esta cuestión son importantes”.  Referiuse aos desafíos que o Camiño ten en Tui como o “coidado, protección, sinalización e protección medioambiental” e indicou que a administración local, ante a carencia de recursos para facer fronte ás demandas de mellora que precisa esta vía de peregrinación, necesita da colaboración tanto da administración provincial coma da autonómica, e de coordinación con Portugal. Apostaba Enrique Cabaleiro por facer un Proxecto Estratéxico Común sobre o Camiño de Santiago.

Este III Congreso Internacional Camiño Portugués de Santiago: un patrimonio cultural para a nova Europa segundo explicou Teresa Carballeira une dúas especialidades: a historia e o dereito. Así entre os temas que se tratarán na parte xurídica destacou a xestión do patrimonio material e inmaterial, as medidas xurídicas que se poden artellar para a súa preservación, a vertente ambiental e paisaxística do  Camiño, o papel dos municipios na preservación e fomento deste patrimonio cultural, ou a regulación xurídica do Camiño en Portugal.

Domingo González Lopo destacou que dende o grupo Compostela consideraron que era interesante centrar este Congreso no Camiño Portugués, que que foi o Camiño que máis medrou porcentualmente no último ano, un feito que quixeron reflectir tamén neste Congreso. Destacaba que “estamos diante dunha reunión de carácter científico” da que agarda que saían unha serie de conclusión moi interesantes. Avanzou que o Congreso se estrutura en mesas redondas como “Descubrindo o Camiño Portugués no tempo” e “O Camiño Portugués: un itinerario cultural de especial interese e conservación” que terán lugar tarde no xoves en Tui, ou “O Camiño de Santiago e a traza histórica portuguesa”, “O tratamento xurídico do patrimonio inmaterial nos itinerarios culturais” e “Os actores do Camiño Portugués: peregrinos e asociacións de amigos” que o venres pola mañá se celebrarán en Valença.

O Congreso conta con doce persoas bolseiras que chegarán de Sevilla, Salamanca, México, Péru, León e Santiago, que durante os dous días do Congreso elaborarán diversos proxectos sobre o Camiño de Santiago.

O xoves á última da tarde haberá unha visita cultural “Os vestixios do Camiño na cidade de Tui” a cargo de Franscisco Javier Novo Sánchez, doutor en Historia da Arte pola USC, e o venres á tarde á cidade de Valença a cargo de Isilda Salvador do Núcleo Museolóxico de Valença.  Xa o sábado pola mañá os participantes realizarán un tramo de 9 quilómetros do Camiño de Santiago entre Iria Flavia e Faramello.

O prazo de inscrición para asistir a este Congreso Internacional está aberto até este mércores, 13 de novembro, en gcompostela.org.

Este III Congreso Internacional Camiño Portugués de Santiago está organizado polo Grupo Compostela de Universidades, a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela, e a Càtedra d’Estudis Jurídics Locals Màrius Viadel i Martín.

Ver programa