Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui da a coñecer o seu patrimonio con visitas guiadas conducidas por especialistas

25/07/2023

Están organizadas polo Instituto de Estudos Tudenses coa colaboración do Concello de Tui

Realizar un achegamento a diversos espazos patrimoniais a través de percorridos guiados dirixidos por especialistas é o obxectivo do programa de visitas “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudios Tudenses, coa colaboración da Concellería de Patrimonio e Turismo do Concello de Tui.

Dende este xoves, 27 de xullo, e até o 25 de agosto desenvolveranse un total de cinco visitas a diversos elementos patrimoniais da nosa cidade.

As visitas, con carácter gratuíto, contan con aforo limitado polo que é preciso realizar  inscrición previa enviando un correo electrónico a biblioteca@tui.gal  indicando nome e teléfono de contacto e a ruta elixida.

O programa comeza este xoves, 27 de xullo, ás 20.30 h na Aula da UNED no antigo convento de San Domingos, cunha conferencia sobre os resultados das últimas escavacións arqueoloxías desenvolvidas na necrópole de San Bartolomeu de Rebordáns. O director desta intervención Patxi Pérez Ramallo tratará na conferencia titulada “Redescubrindo San Bartolomeu de Rebordáns: Elite social no centro de poder da Gallaecia tardoantiga?” os resultados desta investigación arqueolóxica, que incide na importancia de Tude como lugar de poder na Gallaecia sueva tardoantiga e, posteriormente, no reino visigodo. O traballo foi abordado dende a combinación de técnicas complementarias: prospección arqueolóxica, datación absoluta por radiocarbono, análise osteo-lóxicos e de isótopos estables dos restos humanos, e revisión da información contextual dispoñible.

Patxi Pérez Ramallo é Doutor en Análise Forense da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) (2021); Máster en Ciencias Arqueolóxicas pola Universidade de Bradford (Reino Unido) (2014-2015); e  Licenciado en Historia con tripla especialidade en Arqueoloxía, Idade Media e Prehistoria pola Universidade de Santiago de Compostela (2007-2012). A súa formación complementouse con estancias de investigación no Instituto Max Planck para a Ciencia da Historia Humana (Jena, Alemaña); e na Universidade de Oxford (Reino Unido). Actualmente é investigador asociado no Departamento de Arqueoloxía do Instituto Max Planck de Geoantropología (Jena, Alemaña), e investigador postdoctoral na Universidade do País Vasco (Donostia-San Sebastián, España).

Esta conferencia complementarase cunha visita posterior ao propio xacemento arqueolóxico na igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Álvarez Núñez, agradece esta iniciativa do Instituto de Estudios Tudenses que promove o coñecemento do noso patrimonio cultural a cargo de destacados especialistas, membros todos eles deste Instituto.

 “Coñece o noso patrimonio”  

  • Xoves, 27 de xullo
    • 20.30 horas | Aula Uned de Tui
    • Conferencia do arqueólogo Patxi Pérez-Ramallo:  Redescubrindo San Bartolomeu de Rebordáns: Elite social no centro de poder da Gallaecia tardoantiga?
    • De seguido, visita ás escavacións de San Bartolomeu de Rebordáns.