Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui coordina os servizos básicos municipais ante a crise do coronavirus

14/03/2020

O Concello supeditará os servizos municipais á atención aos colectivos máis vulnerables ante a Pandemia do Coronavirus

Esta mañá celebrouse no concello de Tui unha reunión de coordinación dos Servizos Básicos Municipais para facer fronte a posibles emerxencias derivadas da crise do coronavirus.

A reunión estivo presidida polo alcalde, Enrique Cabaleiro,  e contou coa presenza dos concelleiros de Seguridade, José Ramón Magán, Servizos Sociais, Ismael Diz, e Medio Rural, Rafael Estévez. Tamén asistiron o oficial xefe da Policía Local, os responsables de Protección Civil e a Traballadora Social. O obxectivo foi coordinar os distintos servizos municipais en orde a priorizar a atención aos colectivos que poden resultar mais vulnerables ante a situación provocada pola crisis epidemiolóxica do Coronavirus.

Na reunión celebrada esta mañá acordouse que as prioridades  do persoal laboral municipal, de Protección  Civil e Policía Local, no ámbito municipal, quedará supeditada a atención de posibles situacións de necesidade das persoas ou colectivos mais vulnerables. Ao mesmo tempo artellouse un servizo de abastecemento a aqueles domicilios que así o precisen, todo isto sen prexuízo das ordes ou instrucións que con motivo do Decreto de Estado de Alarma se fixen polas autoridades do Estado.

Será o Departamento de Servizos Sociais quen coordine  e priorice as ordes de atención en función da necesidade e gravidade que requiran os asuntos, e polo tanto quen canalice toda a xestión.

Asemade tamén os servizos municipais tamén estarán a disposición das autoridades sanitarias para todo aquilo que precisen, en coordinación coa Policía Local e a Xefatura de Protección Civil.

Dende o Concello de Tui prégase a toda a cidadanía que nestes momentos, só demanden destes servizos municipais aquelas cuestións de urxente e extraordinaria necesidade, para que así poidan quedar a dispor daquelas persoas ou colectivos que o necesiten, e deste xeito poder optimizar os medios persoais e materiais cos que conta o Concello e evitar un colapso dos mesmos.

A Corporación Municipal quere transmitir a súa gratitude a todos os traballadores públicos do Concello de Tui e o seu recoñecemento polo seu extraordinario traballo e dedicación nestes momentos complicados, así coma a toda a cidadanía o seu exemplar comportamento ante esta difícil situación, que coa responsabilidade e solidariedade de todos acabaremos superando.