Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui concede a Medalla de Ouro da cidade a D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo da diocese Tui-Vigo

3/08/2022

O bispo levaba 12 anos de episcopado e ven de renunciar ao cargo logo de cumprir os 75 que establece a norma eclesiástica

Tui. Mércores, 3 de agosto de 2022.   

O Pleno da Corporación Municipal de Tui acordou na última sesión ordinaria conceder a medalla de ouro da cidade a D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo da diocese de Tui-Vigo, que recentemente ven de presentar a súa dimisión ao cumprir os 75 anos de idade que establece a normativa eclesiástica.

D. Luis Quinteiro estivo dende 2010 exercendo o seu episcopado na diocese de Tui-Vigo, nun total de 12 anos nos que dedicou unha atención preferencial á Catedral de Santa María. Neste tempo adicouse a potenciar o seu papel como igrexa principal da diocese e a promover o culto e actividades no seu recinto.

Este período coincide tamén coas importantes obras de restauración e conservación que se están acometendo no templo en colaboración coas diversas administracións e institucións. Co bispo D. Luis Quinteiro tamén se iniciou un período de reorganización das visitas turísticas, de dixitalización do Arquivo Municipal ou do desenvolvemento do Plan Director da Catedral de Tui a cargo do arquitecto Iago Seara. O seu episcopado culminou coas xestións para un importante investimento que nestes vindeiros anos recibirá a Catedral tudense a través do Plan de Catedrais da Xunta de Galicia, especialmente coas obras no Pazo episcopal para acoller as novas instalacións do Museo Diocesano e Catedralicio financiadas ao abeiro do programa do 1,5% Cultural do Goberno de España.

En palabras de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, a concesión desta distinción ao bispo D. Luis Quinteiro resulta un acto de xustiza pola excepcional labor desenvolvida ao longo do seu episcopado onde se acadaron numerosos logros para a posta en valor do templo e a súa historia. En próximas datas anunciaranse os detalles do acto institucional de entrega desta distinción honorífica.