Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra os días grandes das festas patronais na honra a San Telmo

25/04/2014

Venres, 25 de abril de 2014. Tui continúa a celebrar as festas na honra a San Telmo ata o próximo luns 28, festivo local, con diversidade de actividades deportivas, musicais, gastronómica, relixiosas... O programa festivo está organizado polo Comisión de Festas de San Telmo coa colaboración do Concello de Tui.

Dobre é a proposta gastronómica destes festexos. Por unha banda a rúa Compostela albergará unha feira gastronómica onde os visitantes poderán degustar racións de polbo e churrasco así coma viños do país a prezos populares.  A feira permanecerá aberta  a partir do sábado ás 19:30h, e o domingo e luns desde as 11h.  Os amantes do meixón poderán volver a gozar nestas festas deste manxar coa Festa do Meixón no Parador de Tui o domingo a partir das 11:30h e ata as 15h a 32 euros a ración, 29 en venda anticipada. Haberá tamén carne ao caldeiro e polbo.

A música correrá a cargo da charanga tudense Cantos Somos con pasarrúas o sábado ás 10:30h e 18h polas principais rúas da cidade. Tamén ofrecerá un  pasarrúas a Banda de Música Popular de Tui o domingo ás 13h, e un concerto ese mesmo día ás 19h no Paseo da Corredoira. Xa o luns 28, ás 12h,  actuarán no Paseo da Corredoira de Tui o grupo de gaitas “Santiago” de Malvas.

A música non faltará tampouco polas noites da man das orquestras Pontevedra e Salsa Rosa o sábado ás 22:30h, Gran Parada e Marbella o domingo e Panorama o luns a partir das 23:45h da noite, logo da tirada de fogos de lucería que concluirá esta edición das Festas de San Telmo 2014.

O deporte tamén estará presente coa tradicional Carreira Popular de San Telmo o domingo 27 ás 10:30h con saída do Paseo da Corredoira, e coa Andaina Saudable da Eurocidade polo Alto do Coello que sairá ás 10h desde a Praza de Abastos da cidade.   Previamente o sábado ás 10:30h dará comezo o III Torneo de Xadrez no Pavillón do IES San Paio , ás 17h a terceira edición de Tenis na rúa no Paseo da Corredoira con 5 pistas de xogo e xa ás 19h no novo pavillón de Tui terá lugar o Partido Solidario de Fútbol Sala coa aportación dun alimento non perecedoiro coma entrada.

Outras actividades serán a representación da obra de teatro afecionado "Las Antipáticas del segundo" a cargo do grupo Chirlomirlo de Randufe o sábado ás 20:15h no Teatro Municipal. O domingo haberá Desfile Exaltación do Traxe Tradicional. Irá acompañado dos xigantes e cabezudos – que tamén sairán o luns á rúa -  restaurados hai un par de años polo Concello de Tui que este ano aproveitou para cambiar a estrutura interna dos mesmos por unha máis lixeira, de xeito que se reduce o peso de cada xigante en 20 quilos, e para aplicar a estas figuras unha imprimación que evite que se danen en caso de choiva.  Mentres o  luns o Barrio de San Bartolomeu acollerá a tradicional Feira dos Cabalos con concentración cabalar, exhibición de doma, e carreira de burros.

A Catedral de Santa María albergará os actos relixiosos da festividade de San Telmo o sábado as 20h cunha misa presidida por Fr. Javier Aguilera Fierro acompañada pola Coral Polifónica da Guarda seguida da novena na honra a San Telmo. O domingo ás 12h dará comezo a misa de ofrenda a San Telmo por nenos e maiores ataviados co traxe tradicional, presidida por D. Faustino Martínez Álvarez,e ese mesmo día ás 20h terá lugar unha nova misa acompañada polo Coro do Centro Sportivo de Ponteareas seguido da novena na honra ao patrón tudense. O luns a Igrexa de San Telmo acollerá misas de 8h a 10h, e unha hora máis tarde na Catedral de Santa María celebrarase unha misa e procesión das reliquias pola Coronilla presidida polo bispo da diocese e cantada pola Coral da S.I. Catedral. Novamente, ás 20h a misa estará presidida polo prior da Confraría de San Telmo, D. Ricardo García, e ás 21h comezará a solemne procesión de San Telmo percorrendo as principais rúas da cidade. Ao remate terá lugar a ofrenda floral na Praza de San Fernando, e a Coral da S.I. Catedral e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín interpretarán a Salve Mariñeira e o Himno a San Telmo.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, fai unha invitación a achegarse esta fin de semana á Tui e disfrutar do amplo programa de actividades previsto, desexándolle unha felices festas tanto aos tudenses coma a cantos visiten a cidade.