Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra mañá VIII Festa do Miño

17/08/2018

Deporte, gastronomía e concerto de Anxo Lorenzo nunha xornada festiva

Mañá sábado, 18 de agosto, celébrase a VIII Festa do Miño, cun amplo programa ao longo da xornada que combina gastronomía, música, deporte, natureza… e no que o río Miño será o gran protagonista.

A VIII Festa do Miño comezará ao mediodía cunha romaría popular na ribeira de Caldelas. Dende este punto sairán ás 16h os 850 inscritos no VIII Descenso Popular do Miño, baténdose este ano un novo record de participación.

Ás 18.30h a cita estará na beira do Miño en Salvaterra, a carón da Ponte Internacional, coa saída do 47º Descenso Internacional do Miño que reunirá a preto de 600 padeeiros que loitarán por facerse coa vitoria nesta proba destacada do calendario galego e levarse o trofeo obra do escultor Juan Oliveira.  A liña de meta, tras case 14 quilómetros en augas do Miño estará fronte ás grades da rúa Olímpicos Tudense. A entrega de trofeos farase fronte ás instalacións do Centro Municipal de Piragüismo Enrique Míguez. Tanto o Descenso Popular coma o Internacional está organizados polo club Kaiak Tudense Axuda a Paramos, coa colaboración do Concello de Tui e a Federación Galega de Piragüismo. Será o primeiro ano que se celebren tras o seu recoñecemento coma Festa de Interese Turístico de Galego.

A rúa Lugo acollerá dende ás 20h a VIII Festa Gastronómica con 24 postos de comida e 6 de bebida a cargo das asociacións culturais Seixos Albos de Areas,  Lembranzas da Terra de Guillarei, Santiago de Malvas, Laxes de Paramos, Aloia de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Traxe Tradicional de Tui, Espenicelo de San Bartolomé, e San Telmo de Tui. Aos prezos de 1, 2 e 3€ ofrecerán petiscos tradicionais dende empanada de millo, a bocadillos, tortilla, pan de broa, paella, sobremesas caseiras… e coma novidade haberá tamén empanada e sobremesas veganas.

Ás 22.30h Anxo Lorenzo ofrecerá un concerto moi especial e único en Galicia no que interpretará en primicia temas do seu novo traballo “Vortex” , cuxa presentación oficial non será até setembro.

Restricións no tráfico pola celebración da VIII Festa do Miño

Debido á celebrado da VIII Festa do Miño dende hoxe venres ás 8 e até o domingo ás 8h non se poderá estacionar na rúa Lugo, onde tampouco se poderá estacionar hoxe de 8 a 14h. Mañá sábado pola mañá, de 9 a 13h, manterase aberto un carril de circulación en dirección Praza de Galicia, e dende ás 13h ata ás 3h do domingo a rúa pecharase ao tráfico co gallo da Festa Gastronómica e do concerto de Anxo Lorenzo.  Tamén se verán afectadas con prohibición de estacionar e circular as rúas Mondoñedo, dende ás 10h do sábado ás 3h do domingo, e Ourense dende ás 14h do sábado ás 3h do domingo.

Mentres no aparcamento municipal estará pechado o sábado dende ás 14h até o domingo ás 4h, pero xa hoxe venres non se poderá estacionar na saída cara a rúa Ourense.

VIII Festa do Miño

Data: Sábado, 18 de agosto.

Programa

  • 12.00 h Inicio da VII Romaría Popular na ribeira de Caldelas. Xantar Campestre
  • 16.00 h Saída do VIII Descenso Popular do Miño dende a ribeira de Caldelas.  +info www.kayaktudense.org
  • 18.30 h Saída do XLVII Descenso Internacional do Miño dende Salvaterra
  • 19.30 h Chegada do Descenso Internacional do Miño fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses
  • 20.00 h VII Festa Gastronómica na rúa Lugo. 24 postos de comida e bebida
  • 20.30 h Entrega de premios do XLVII Descenso Internacional do Miño
  • 22.30 h Concerto de Anxo Lorenzo Band na rúa Lugo