Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra este sábado a XVII Feira do Libro

16/05/2014

As librarías aplicarán un 10% de desconto nos libros, actuarán grupos folclóricos, e haberá actividades e recitais de poesía

 

Venres, 16 de maio de 2014. O Paseo da Corredoira acollerá este sábado, 17 de  maio, a XVII Feira do Libro co gallo do Día das Letras Galegas dedicado este ano a Xosé Mª Díaz Castro. As librarías tudenses Iris e Valverde montarán unha véntena de postos de exposición e venda de libros, cun 10% de desconto, entre os que terá un especial protagonismo os escritos polo autor homenaxeado este ano. Tamén haberá un posto da Biblioteca Municipal de Valença.

 

A XVII Feira do Libro foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado pola concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e por Maruchi Valverde, en representación das librarías participantes.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou coma esta feira que comezou hai 17 anos se foi consolidando co paso dos anos, con cambios de emprazamento e dándolle forma. Salientou a colaboración que sempre atoparon nas libreiras tudenses e amosou o seu convencemento no novo éxito que suporá a edición deste ano.

 

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou que como actividades paralelas haberá tanto actuación de grupos folclóricos coma para cativos.

 

Por último Maruchi Valverde desexou que con feiras coma esta poidan remontar as vendas de libros, que tamén se viron afectadas pola crise, salientando a importancia de fomentar a lectura.

 

O programa comezará ás 12h, na Praza da Inmaculada, coa actuación do grupo folclórico Refaixos e Polainas de Baldráns, seguida dun recital de poemas de Xosé Mª Díaz Castro a cargo de Emilia Rosende da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño. As actividades continuarán a partir das 16h con inchables para nenos, e ás 16.30h haberá xogos populares da man de Títeres Seisdedos baixo o título de “O paporrubio na granxa”. Ás 17h actuará o grupo folclórico “Inquedanzas” de Pazos de Reis e ás 19h  Roi Sixto con “Roi o cagabolas”. Pechan o programa a Banda de Gaitas ”Lembranzas” de Guillarei ás 20h.