Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolleu ao alumnado en prácticas do curso de Mestría en Compostaxe organizado por Composta en Rede

25/04/2023

Once alumnas e alumnos deste curso nivel 3 coñeceron o Plan Municipal de Compostaxe. Tui é unha das catro localidades onde se realizan as prácticas desta formación.

Once alumnos e alumnas do curso de Mestría en Compostaxe que está a impartir Composta en Rede, entidade á que está adherida o Concello de Tui, realizaron o pasado sábado na cidade as prácticas correspondentes a esta formación. Tui é unha das catro localidade españolas na que se realizan esta parte práctica do curso de nivel 3 dirixido a persoal técnico no ámbito medioambiental que queira formarse ou ampliar a súa formación técnica no ámbito da compostaxe. Esta actividade formativa ten lugar entre o 21 de marzo e o 31 de maio.

O pasado sábado, durante 8 horas, os e as estudantes coñeceron en profundidade en que consiste o Plan de Compostaxe Municipal, un exemplo de boas prácticas na xestión de residuos orgánicos a nivel nacional e que está adscrito ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Este plan, tal e coma comprobou o alumnado, integra a xestión de residuos orgánicos tanto a través da compostaxe como da xestión de restos verdes co emprego de biotrituradoras. As persoas en prácticas amais realizaron traballos de tipo práctico nos Centros de Compostaxe Comunitaria da localidade.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, deu conta o pasado sábado ao alumnado dos detalles do Plan Municipal de Compostaxe, e a mestra composteira, Sara Luque, explicoulles o traballo que se realiza guiando as prácticas nos centros de compostaxe.  O concelleiro Ismael Diz agradeceu a Composta en Rede ter elixido ao concello de Tui para acoller esta formación práctica.

O curso que está a impartir Composta en Rede conta entre o profesorado con dous referentes a nivel internacional no mundo da compostaxe Ramón Plana e Franco Llobera.