Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acollerá durante tres meses un “Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base”

20/11/2013

Mércores, 20 de novembro. Tui acollerá do 9 de decembro ao 5 de marzo un curso federativo de “Monitor de Fútbol Base” organizado pola Federación Galega de Fútbol, a través da Escola Galega de Adestradores, en colaboración co Concello de Tui.

 

O curso, cun prezo de 150€,  terá un total de 65 horas lectivas que se impartirán no Telecentro da Área Panorámica.

 

Esta actividade formativa foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o director da Escola Galega de adestradores, Manuel Mosquera, e o responsable da Escola na zona de Vigo, José Luís Mosquera, xunto ao presidente do Tyde, Jesús González, e do vicepresidente do Ribadelouro, Gonzalo Romero.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, manifestou a súa satisfacción pola celebración deste curso na cidade, salientando a importancia da formación das persoas que traballan coas categorías inferiores nos distintos equipos de fútbol locais. Aludiu amais á preocupación que o Concello ten en que os cidadáns practiquen deporte, un costume que tentan potenciar con actividades coma as Andainas Saudables da Eurocidade.

 

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, salientou que coma o seu departamento traballa  con tres premisas básicas. Unha delas é  precisamente a formación dos adestradores dos distintos clubs tudenses, polo que dicía que de cara ao próximo ano lles gustaría poder convocar unhas becas de formación facilitando así o acceso a cursos aos responsables dos distintos clubs. As outras dúas premisas coas que traballan son a seguridade das instalacións, lembrando a dotación que se fixo de desfibriladores nos campos e pavillóns, e por último o apoio aos deportistas, que se plasma nas becas que conceden e base aos logros acadados durante a temporada.

 

Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores, agradeceu a boa predisposición do Concello de Tui para acoller este curso, ao tempo que eloxio as boas instalacións que ten a cidade. Explicou que preto de 40 persoas poderán participar nesta actividade formativa da que remitirán información a todos os clubs e concellos da contorna de Tui.  Mentres José Luís Mosquera, responsable da Escola Galega de Adestradores da zona sur, salientou que os alumnos contarán cos mellores formadores tanto adestradores, coma preparadores físicos, ...

 

Por último os responsables do Tyde e do Ribadelouro agradeceron a oportunidade de que este curso se poida celebrar en Tui, o que redundará positivamente na formación dos seus monitores e do traballo coa categorías da base.  

 

Os interesados poden acadar máis información ou inscribirse ata o 9 de decembro ao través do correo escuelagallega@gmail.com.

Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base