Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle este venres a obra ‘Smoke on the water’ de Ibuprofeno Teatro

6/03/2023

A obra dirixida por Santiago Cortegoso esta nominada a seis premios María Casares

Este venres, 10 de marzo, ás 21.30 h chegará ao Teatro Municipal de Tui un espectáculo con música en directo, que mestura humor negro coa crítica social nunha historia de rock and roll, sexo, drogas, violencia e amor.

A obra ‘Smoke on the water’, da compañía Ibuprofeno Teatro, é unha función para público adulto que está a recoller os froitos da súa gran posta en escena, da dirección de Santiago Cortegoso e da actuación do seu elenco formado por Belén Constenla, María Costas, Adrián Ríos e Josito Porto.

Recentemente, a obra obtivo a nominación a seis premios María Casares ao mellor actor protagonista para Josito Porto, mellor actriz protagonista para Belén Constenla, mellor actor secundario para Adrián Ríos, mellor espazo escénico Pablo Giráldez, mellor espazo sonoro para Mon Orencio e mellor maquillaxe para Baia Fernández. A  gala dos Premios de Teatro María Casares, celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 30 de marzo.

A peza teatral conta a historia dunha parella. Ritchie ‘Blackmore’ vive ancorado no rock and roll dos 70 e ten unha tenda de discos e vinilos de colección mentres que Janis Joplin xa hai anos que non canta e estuda filosofía na universidade. A unión entre os dous protagonistas sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente nun círculo vicioso de dependencia imposible de desenlear que se ve tamén alterada pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía transgresora que se namora perdidamente de Janis.

A obra ten unha duración de 85 minutos e está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas xa se poden mercar en tui.gal aos prezos de 10 e 8 euros.