Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle este sábado a clausura das Escolas Deportivas de Patinaxe da Deputación

22/05/2013

Será no novo pavillón municipal de deportes

Mércores, 22 de maio de 2013. 900 nenos e nenas de toda a provincia de Pontevedra van participar este sábado, 25 de maio, en Tui no acto de clausura das Escolas Deportivas de Patinaxe da Deputación de Pontevedra. O organismo provincial elixiu o novo pavillón municipal de Tui para celebrar esta cita. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto á deputada de Deportes, Begoña Estévez, e o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, foron esta mañá os responsables de dar conta de todos os detalles do programa previsto.

 

Este sábado, 25 de maio, a partir das 9.30h chegarán a Tui os patinadores das escolas deportivas que ao longo da mañá farán os seus adestramentos nos pavillóns tudenses a porta pechada. A partir das 15.30h, no novo pavillón municipal comezarán as actuacións, para o público en xeral con entrada libre, de cada escola deportiva, contando tamén con exhibicións de patinadores que teñen participado en campionatos de España. O remate está previsto ás 20h coa entrega de diplomas. Tamén de forma paralela haberá actividades coma inchables para todas a idades

 

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, agradeceu á Deputación o feito de contar con Tui para esta clausura, un acto que traerá ata a cidade a máis de 2000 persoas xa que cos patinadores virán tamén familiares e amigos, o que apuntaba repercutirá positivamente na economía local. Nicolás Lorenzo destacou que a Escola de Patinaxe de Tui, que conta con 130 nenos e nenas, é das máis numerosas da provincia, e agradecía a colaboración do Club Ribex que se encarga de impartir as clases.

 

A deputada de Deportes, Begoña Estévez, explicou que dende a Deputación elixiron Tui para esta clausura por contar con boas instalacións deportivas e porque a Escola Deportiva de patinaxe é das máis numerosas da provincia e funciona moi ben. Engadía que isto é un premio “á boa labor deportiva que se fai en Tui”. Mencionou amais a evolución a nivel provincial que rexistraron as Escolas de Patinaxes pasando de 300 nenos en 2007 a máis de 3000 na actualidade, nos 57 concellos nos que se celebran.

 

Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, agradeceu a colaboración constante da Deputación de Pontevedra co concello de Tui tanto en instalacións deportivas coma na organización de actividades. Tamén amosou o seu convencemento de que o acto deste sábado terá efecto multiplicador e repercutirá positivamente no comercio local.