Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui acolle dende mañá a exposición “Descubre Sefarad”

21/11/2019

É a primeira actividade que a Red de Juderías de España promove na cidade

Dende mañá venres, 22 de novembro, e até o sábado 14 de decembro poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio “Francisco Sánchez”, a exposición “Descubre Sefarad”. A mostra está organizada pola Red de Juderías de España, na que recentemente se ten integrado o Concello de Tui.

Esta exposición realiza un percorrido a través de imaxes polas cidades integradas nesta Red de Juderías de España. Son 24 imaxes de gran formato que capturan a alma das xuderías de cada unha cidades integradas nesta Rede e que están acompañadas dun pequeno texto que destaca a esencia xudía de cada unha destas localidades.

A exposición está circulando por diversas localidades de España (Lorca, Monforte, etc,) así como de Francia (Lyon) e Alemaña (Berlín) para a promoción cultural e turística dos municipios integrados na Red de Juderías.

“Descubre Sefarad” contribúe a remarcar a importancia e contribución que a cultura xudía ten aportado ao carácter e esencia de España e traza un recorrido polo labor da Red de Juderías a prol da conservación e difusión do patrimonio xudeu, tanto o de carácter materia como inmaterial.

O Concello de Tui forma parte dende este ano da Red de Juderías e con esta integración se pretende promover o importante legado xudeu na nosa cidade que ten exemplos como a colección de “Sambenitos” do Museo Diocesano que teñen un carácter único e excepcional e que xunto as diversas testemuñas da presenza desta cultura na nosa cidade constitúen un importante recurso cultural e turístico que posiciona á nosa cidade e diversifica a súa aposta turística centrada neste tipo de turismo cultural.

Mañá venres, ás 12h , o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, acompañado do concelleiro de Patrimonio e Turismo, Laureano Alonso, visitarán a exposición que é a primeira actividade que promove a Red de Juderías en Tui.