Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A tudense Sara G. Piña presenta o luns 14 a súa novela “Pangea”

10/03/2022

Será ás 20 h no edificio Francisco Sánchez

O vindeiro luns, 14 de marzo, terá lugar a presentación da novela da escritora tudense, Sara González Piña, titulada “Pangea” que foi recentemente publicada pola editorial “Círculo Rojo”. Este acto está organizado pola Biblioteca Pública municipal de Tui. Comezará ás 20 h no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Area Panorámica) con entrada libre.

No acto de presentación contarase coa presenza da autora que estará acompañada da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, e do técnico da biblioteca municipal tudense, Rafael Sánchez Bargiela.

Sara González Piña naceu en Tui no ano 1996. Os seus anos como estudante de Psicoloxía en Madrid foron a inspiración para crear a súa primeira novela, “Pangea”, onde puido proxectar o amor que sinte pola súa profesión e polas súas raíces.

A propia autora comenta que “os protagonistas desta emotiva historia espértanse nunha misteriosa illa chamada Pangea sen ningún recordo do seu pasado. Durante a súa estancia nela terán que enfrontarse a numerosos desafíos, loitar con sanguinarias bestas e aprender a lidiar cos misterios que o lugar alberga para poder sobrevivir. A desaparición dun deles fai que os retos que se lles impoñen sexan aínda máis extremos, pero Pangea ten un plan para cada un deles e só as súas propias accións poderán liberalos da illa”.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, a presentación desta obra dunha autora novel enriquece o panorama cultural do noso municipio e dende o concello tudense se asume o compromiso de apoiar e promover os novos valores tudenses no ámbito da creación, neste caso literaria.