Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro do Noroeste presenta este venres no Teatro Municipal o musical "Glass City"

12/11/2009

Teatro do Noroeste presenta o musical "Glass City"

Será este venres ás 21.30h no Teatro Municipal con música en directo

 

Mércores, 11 de novembro de 2009. O Teatro Municipal de Tui acolle este venres un musical pensado en Galicia, feito en galego e para os espectadores. Chega cun amplo elenco integrado por 14 actores, bailarís e músicos dirixidos por Eduardo Alonso. Forman parte dun amplo equipo de máis de 20 persoas que dan vida a todos os entresixos necesarios para crear este espectáculo que dende a súa estrea a finais de setembro está a colleitar unha excelente acollida por parte da crítica e do público. Trátase de "Glass City" de Teatro do Noroeste.

 

A de Tui será unha das últimas citas para poder disfrutar desta montaxe xa que a xira galega desta montaxe remata en decembro, para logo iniciar un percorrido polo resto de España.

 

"Glass City" foi presentado esta mañá polo director da obra Eduardo Alonso, e a actriz Luma Gómez, que da vida a Carmen Polo, xa que o musical está ambientado no ano 1958, nunha das visitas que o Xeneral Franco realizaba á cidade da Coruña. Estiveron respaldados polo Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, quen destacou que esta "é a maior produción do teatro galego neste semestre" salientando que nestes tempos "non é doado ter a 14 actores en xira". Lembrou a aposta que dende a cidade se fai polo Teatro ao estar na Rede Galega de Teatro e Auditorios e ser un dos Espazos CDG.

 

Neste espectáculo lógrase integrar coma un todo a 8 actores, 2 bailarinas e 4 músicos, que interpretan, cantan e bailan conseguindo que "todas as disciplinas se intercalen" segundo explicaba a actriz Luma Gómez.

 

O nome do musical vén da denominación os que ingleses que chegaban por mar á Coruña lle daban á cidade pola súas galerías cara ao mar. Así o explicaba  o director Eduardo Alonso. A compañía aproveitou a obra para presentar unha visión a través dun cristal do microcosmos dunha cidade, apostando por facer un musical, en galego e en Galicia.

 

Eduardo Alonso manifestaba que o público é o obxectivo final do espectáculo, xa que ao longo de todo o proceso creativo e de montaxe tiveron en conta que o público o pase ben, que se divirta, que coñezan unha nova historia, todo presentado dende un prisma histórico e de feitos que aconteceron na realidade.

 

Trátase dunha montaxe amena que capta a atención do espectador dende o primeiro minuto con cancións pegadizas, coreografias, historias de amor, conspiracións e rock and roll.

 

A obra, que dirixe Eduardo Alonso recolle o ambiente da Coruña de finais dos anos 50. Bernardo Martínez é o encargado da composición e dirección musical, Chedes Súarez asina a coreografía e Paco Conesa a escenografia e o vestiario deste espectáculo ao que dan vida: Xan Casas, Fernando Tato, Julia Méndez, Julia Sánchez, Christian Escuredo, Fernando González, Brandán Lourenzo, Ramón Orencio, Brais Morán, Xavier Estévez, Maxo Barjas, Monti Castiñeiras, Luma Gómez e Carlos Mosquera ‘Mos'.

 

A acción transcorre durante as vacacións no Pazo de Meirás do xeneral Francisco Franco e a súa familia; o concurso de cancións Trampolín de Estrelas , a chegada da música moderna á Coruña grazas ás ‘juke box' ou un plan para atentar contra Franco son algúns dos feitos que se narran neste espectáculo, que aínda que non é unha obra histórica si fai referencia á historia recente da cidade herculina.

 

A obra foi estreada no Ferrol o pasado mes de setembro con gran éxito de público.

 

As entradas están xa á venda na web www.culturatui.info até o venres ás 19h, ou pódense adquirir o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica. Teñen un prezo de 6€, 4€ con desconto e 4€ para os menores de 12 anos.

 

Teatro do Noroeste con "Glass City"

Lugar: Teatro Municipal

Data e hora: Venres, 13de novembro, ás 21.30h

Prezo entradas: 6€ - 4€ con desconto e 4€ para menores de 12 anos

Venda de entradas na web www.culturatui.info até o venres ás 19 ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica