Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro, danza e cinema na programación do primeiro semestre do ano no Teatro Municipal

14/02/2014

Ten un orzamento de 26 mil euros dos que o 65% é aportado polo Concello e o 35% polo AGADIC

Venres, 14 de febreiro de 2014. Teatro, danza e cinema centran a aposta da programación cultural de Tui para o primeiro semestre deste 2014 a desenvolver no Teatro Municipal. Os nove espectáculos previstos veñen recollidos no número 27 da Axenda Cultural Corredoira, na que tamén se publicitan outros eventos como o bicentario de Frei Rosendo Salvado, o Entroido, as Festas de San Telmo, e as feiras de Artesanía e do Libro, así como a programación da Sala de Exposicións e da Biblioteca Municipal.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e o director do AGADIC, Jacobo Sutil, foron onte os responsables desta presentación.

Vanesa Rodríguez, destacou que a Axenda Cultural Corredoira recolle a programación prevista para os seis primeiros meses deste ano no Teatro Municipal de Tui que ten un orzamento de 26 mil euros dos que o AGADIC aporta o 35%.  Salientou amais a edil de Cultura o apoio que estas actividades teñen por parte do público como reflicte o feito de acadar 272 espectadores por función de media en 2013.  Explicou tamén que da Corredoira editáronse 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença.

O director do AGADIC, Jacobo Sutil, que se trata dunha “variada e coidada programación cultural”  indicando que “Tui é concello comprometido coa difusión cultural o que se ratifica cada nova temporada ao través dun atinado calendario de actividades que combina a oferta de ocio máis de base local, con propostas de interese xeral a través de espectáculos que están a ser distribuídos con éxito por outros puntos importantes da xeografía galega e mesmo española e portuguesa”. Jacobo Sutil indicaba amais que “iso non se consegue por casualidade senón pola dedicación continuada e especial do concello pola cultura que está a facer de Tui un polo de exhibición artística de primeira orde e un destino clave no sur de Galicia dentro do eido cultural”. Aludía amais á contribución que dende o primeiro momento Tui fixo ao programa de intercambio de compañías galegas e portuguesas “Troco x Troco”. E concluía afirmando que esta programación consolidada fai que Tui sexa “un escenario de referencia en Galicia”.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa banda destacou que o investimento en cultura é rendible, engadindo que hai que seguir apostando pola Eurorrexión afirmando nese senso que “toda a cultura ten que pasar por Tui”.  Tamén fixo referencia o programa Troco x Troco no que dicía Tui tiña que estar presente e vai seguir apostando polo mesmo e por todas as iniciativas culturais. Aproveitou amais o rexedor tudense para agradecer a colaboración doutras institucións coma a Xunta ou a Deputación para facer realidade esta programación. Afirmaba amais Moisés Rodríguez que “para que Tui siga sendo un referente cultural hai que seguir investindo nunha programación de calidade” ao tempo que destacaba “o compromiso do público” cos espectáculos programados no teatro. Pero salientaba amais que Tui tamén quere ser un referente en cultura activa de aí a aposta que realiza por actividades como a Semana de Teatro Amador na que as compañías de teatro afeccionado teñen a oportunidade de actuar no Teatro Municipal nas mesmas condicións que as compañías profesionais.

Esta programación comeza precisamente mañá venres ás 21.30h da man da compañía de Coimbra A Escola da Noite que chega a Tui ao abeiro do programa Troco x Troco para pór en escena a obra “Novas diretrizes em tempos de paz”. O sábado, ás 19h,  terá lugar o segundo espectáculo con Malabaranda coa obra de circo clown “Residuo”. Precisamente a programación no Teatro Municipal neste semestre estrutúranse con espectáculos venres e sábado.   A seguinte cita será o venres 21 de febreiro con Las Grotesques de Madrid e a obra “Mucho Ruido e pocas nueces” e o sábado 22 coa proxección da película de animación “O pequeno mago” dirixida polo tudense Roque Cameselle.

En  marzo o venres 14 Caramuxo Teatro achega unha proposta de teatro para bebés baixo o título de “Ñam” e tamén os máis pequenos da casa serán os destinatarios de “Babs” con Baobas Teatro o sábado 22 de marzo.  Mentres o sábado 15 de marzo Abrapalabra presenta a traxicomedia “As do peixe”. A danza contemporánea terá o seu oco o venres 21 de marzo con Cristina Monteiro e Rut Balbis no espectáculo “Momento Blooming”. Pecha a programación en maio un novo espectáculo de Troco x Troco co Centro Dramático de Évora e obra “Autos da Revoluçao”.  Amais o 27 de maio do Centro Dramático Galego representará para escolares “Longa Viaxe cara a noite”.

As entradas para cada espectáculo poranse á venda unha semana antes na web www.culturatui.info ou o mesmo día hora e media antes da función no despacho de billetes. Teñen desconto na adquisición das localidades os posuidores do carné xoves, carné de estudante e da Biblioteca Municipal, así coma as familias numerosa, discapacitados, desempregados e xubilados presentado o documento acreditativo.