Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tanxarina Títeres chega a Tui este venres co seu espectáculo ‘A cazola de Lola’

24/10/2022

Será ás 19.30 h no Teatro Municipal. As entradas están dispoñibles en www.tui.gal a prezos de 4 € e 3 €

Este venres 28 de outubro, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui haberá cita para público familiar cunha obra de teatro xestual da man de Tanxarina Títeres. A compañía representará o seu espectáculo ‘A cazola de Lola’, unha obra codirixida por Cándido Pazó.

Eduardo Cunha “Tatán”, Miguel Borines e Andrés Giráldez son os tres artistas que dan vida aos monicreques de Tanxarina, e son tamén eles os que subirán ao Teatro de Tui para achegar ao público a historia de Lola.

Lola sempre arrastra un cazo atrás dela. O cazo caeulle un día enriba, e non sabe moi ben por que. Por causa deste incidente, Lola xa non é de todo como os demais. Precisa de moito agarimo, é moi sensible e ten un gran sentido artístico. A miúdo as persoas só ven nela ese cazo que arrastra por todas partes, atópano raro e, ademais, o seu cazo complícalle a vida. Afortunadamente, existen persoas marabillosas, só fai falta dar cunha delas.

Cunha duración de 50 minutos, ‘A cazola de Lola’ está recomendada para maiores de 3 anos. As entradas oscilan os prezos de 4 e 3 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de carné xove, carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos. Poden mercarse en tui.gal até media hora antes do inicio da función.

Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais do Concello.