Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Talía Teatro abre o ciclo de outono no Teatro Municipal de Tui

5/10/2022

Será este venres día 7 ás 21:30 h co espectáculo Morte accidental dun anarquista 

Talía Teatro abre este venres, no Teatro Municipal de Tui, a extensa programación de outono que se prolongará durante este mes de outubro e o de novembro.

Ás 21.30 h Talía Teatro representará ‘Morte accidental dun anarquista’. Esta comedia de Diario Fo está dirixida por Cándido Pazó e conta uns sucesos reais ocorridos nos Estados Unidos en 1921 e que se inspiran na morte do ferroviario Giuseppe Pinelli en Milán.

Talía Teatro leva a escena esta disparatada pero reflexiva comedia, un sainete político que segue de actualidade cincuenta anos despois de ser escrito. O elenco está conformado polos actores, Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e a actriz  Marta Ríos, que darán vida aos personaxes desta obra que pon o foco na inestabilidade social dos anos 70.

A obra, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), está recomendada a partir de 12 anos. Ten unha duración de 100 minutos, nos que o humor disparatado é o protagonista.

As entradas están dispoñibles en www.tui.gal aos prezos de 8 e 6 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove,  carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.

Haberá, até o próximo 25 de novembro, sete espectáculos máis que chegarán da man de compañías como Píscore,  Butaca Zero, Tanxarina Títeres, Da.Te. Danza, Os Naúfragos e Contraproducións.

Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar nas redes do concello e tamén na web tui.gal. 

ENTRADAS