Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Sanidade adxudica o Centro de Saude de Tui

12/06/2013

Xunto a outros 14 Centros de Saúde e a ampliación do Hospital do Salnés

No caso de Tui abrangue a revisión do proxecto, dirección de obra, mantemento e subministro enerxético

 

Mércores, 12 de xuño de 2013. O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu a principios de semana a mesa de adxudicación do concurso para a redacción e revisión de proxectos, dirección facultativa de obras, mantemento e subministración enerxética de 15 centros de saúde, entre eles o de Tui, e da ampliación do Hospital do Salnés, o que supón a última fase do proceso administrativo de adxudicación deste contrato.

 

A proposta de adxudicación, por un importe de 10.909.284 euros, correspondeu á empresa COFELY ESPAÑA, que presentou o mellor proxecto técnico e a mellor oferta económica. Dito contrato inclúe a redacción e revisión dos proxectos dos centros de saúde de Arteixo, Galeras (Santiago), Malpica, A Capela, O Couto (Ourense), A Valenzá (Barbadás), Nigrán, Oia, Tui, Ares, Cambre, Pontedeva, Gondomar, Marín e Culleredo; así como a ampliación do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa.

 

A partir da sinatura do contrato, que se agarda para a segunda quincena deste mes, a adxudicataria ten un máximo de seis meses para entregar os proxectos arquitectónicos de cada un dos centros, que se irán licitando a medida que se vaian entregando.

 

Para o Alcalde de Tui esta é unha magnifica noticia pois testemuña o importante compromiso da Xunta de Galicia e especialmente o seu Presidente coa nosa cidade, ao impulsar a obra de construcción do novo Centro de Saúde, tal como xa lle manifestara o responsable da Xunta de Galicia na xuntanza celebrada o pasado luns. Moisés Rodríguez sinala que esta obra será un importante fito nos equipamentos públicos tudenses. Xunto coa Escola Infantil a piques de rematar, o Consorcio da Auga do Río Louro, a Vía de Altas Prestacións Tui – A Guarda, etc. testemuñan a implicación da Xunta de Galicia no desenvolvemento e na mellora da calidade de vida da nosa cidade e municipio.