Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Samuel Diz estrea “Memoria da Melancolía” este sábado en concerto en Tui

10/03/2020

Tocará unha réplica da guitarra de Federico García Lorca e estará compañado por Yolanda Castaño e Benxamín Otero

Memoria da Melancolía” é o título do concerto que o músico e investigador tudense Samuel Diz ofrecerá este sábado, 14 de marzo, ás 20.30 h no Teatro Municipal de Tui.  Será a estrea do seu novo traballo discográfico que interpretará cunha réplica da guitarra de Federico García Lorca, que tocará por vez primeira neste concerto.

Este evento musical foi presentado este mediodía polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, e o propio Samuel Diz.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitaba a Samuel Diz por “volver os teus ollos sobre a xeración do 27, que marcou culturalmente o país” e que con este traballo vólvese a pór de actualidade nunha aposta, dicía o rexedor, “acertada e valente”. Enrique Cabaleiro agradecía ao músico o feito de “converter a Tui en testemuña privilexiada deste evento” coa estrea na cidade desta obra, o que apuntaba “amosa o compromiso e aposta de Tui pola cultura”. Facía un chamamento ao público a acudir a “un evento único e moi especial” do que gozaremos o sábado en Tui.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosou a súa satisfacción por poder presentar en Tui este concerto “no que amais de gozar da música imos poder coñecer mellor á Xeración do 27 a través da persoa de Mª Teresa León”.

“Memoria da Melancolía” o traballo discográfico que Samuel Diz estrea este sábado en concerto no teatro tudense “é un proxecto concibido dende unha óptica coral, dende unha óptica social e participativa” que parte das memorias autobiográficas de María Teresa León, a quen rende homenaxe.  Está formado por 15 temas de Gustavo Durán, Emiliana de Zubeldía, Baltasar Samper, Regino Saínz de la Maz, Adolfo Salazar, Manuel de Falla ou Carlos Guastavino.

O concerto deste sábado será único xa que en cada evento-presentación Samuel Diz dialogará con outras persoas sobre o escenario. Neste caso será con Yolanda Castaño que, vestida de miliciana, porá voz en galego a María Teresa León, e co músico Benxamín Otero que tocará o corno inglés.

Nunha ampla exposición, Samuel Diz explicou o traballo de investigación iniciado en 2010 sobre a Xeración do 27 que plasmou xa nun primeiro traballo presentado en 2016 e que continuou en México, París, Roma, distintos lugares de España e La Habana dando agora lugar a este traballo “Memoria da Melancolía” cunha homenaxe a María Teresa de León, a través da súa autobiografía.  

Precisamente neste concerto empregará unha copia da guitarra de 1906 de Federico García Lorca, na que o chopo, unha das árbores que marcaron a vida de Lorca, está moi presente xa que por dentro a guitarra está unida por pezas de chopo.

Na presentación desta mañá Samuel Diz lembrou, emocionado, ás persoas que fixeron posible que se iniciara no mundo da música en Tui, e a todos aqueles que o teñen apoiado na súa traxectoria profesional e que “permitiron que poida estar vivindo isto”.

As entradas para o concerto deste sábado en Tui están á venda en www.culturatui.info até o sábado ás 12 h ou o sábado dende ás 19 h poderanse mercar no despacho de billetes na Área Panorámica aos prezos de 5€ e 4€.

Tras esta estrea en Tui a próxima semana Samuel Diz ofrecerá o concerto “Picaso  guitar maker” nas xornadas “Picaco and paper” que se celebrarán na Royal Academy of Arts en Londres.  E o 28 de maio ofrecerá un concerto de “Memoria da Melancolía” coa guitarra orixinal de Federico García Local na Huerta de San Vicente.

Na rolda de prensa desta mañá Samuel Diz confirmou tamén a celebración do 1 ao 7 de agosto dunha nova edición de Música no Claustro en Tui, o festival que dirixe.