Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Reunión en Tui para a posta en marcha dun plan de xestión compartida de equipamentos públicos transfronteirizos

18/11/2013

Luns, 18 de novembro de 2013. O pasado venres tivo lugar na Casa do Concello de Tui unha xuntanza das entidades promotoras do proxecto de redacción dun “Plano Director da rede de servizos e equipamentos públicos transfronteirizos” que promove a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Comisao de Coordenação e Desenvolvimento da Região Norte de Portugal. Esta programa está financiado polo Programa Operativo de Cooperación Territorial España – Portugal (Poctep).

 

Estiveron presentes o director Xeral de Administración Local, Norberto Uzal, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Mendez, o secretario da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), Julio Pereira, xunto ao técnicos das entidades participantes.

 

No decurso da xuntanza foi presentado o traballo realizado para unha proposta de xestión e planeamento desta utilización compartida de equipamentos transfronteirizos realizada por unha empresa de consultaría. Efectuado o diagnóstico en materia de recursos, equipamentos e servizos relevantes que reflictan as dinámicas das poboacións transfronteirizas foi concluído que sería de interese poñer en marcha un proxecto piloto de cooperación na Eurocidade Tui – Valença.

 

En concreto, o estudo detecta basicamente tres equipamentos susceptibles desta xestión compartida: a Piscina Municipal de Valença e no caso tudense o Conservatorio Municipal de Música e o Teatro Municipal. Nestes casos detectase que estes equipamentos xa usados por cidadáns de ambos municipios podían incrementar os seus rendementos e capacidade de servizo público a prol dos habitantes de ambos municipios.

 

No decurso da xuntanza foi acordado elaborar un anteproxecto de creación dun protocolo de cooperación no ámbito da Eurocidade para unha xestión compartida destes equipamentos públicos que dende o municipio no que radican ofrecen os seus servizos aos cidadáns tudenses e valencianos. A creación, ao abeiro deste protocolo, dun carné de eurocidadán pode canalizar este proxecto.

 

Para o alcalde de Tui se comproba, nunha nova oportunidade, como o proxecto de creación da Eurocidade se conforma cada día como un acerto que posibilita una mellora dos servizos públicos.