Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Record de participación na Regata Miño Internacional con máis de 350 remeiros e remeiras

23/01/2020
Presentación da Regata Miño Internacional

Este sábado celébrase a corenta edición desta proba en augas do río Miño

A Regata Miño Internacional rexistrará record de participación este sábado na celebración da súa corenta edición. Congregará a máis de 350 remeiros e remeiras pertencentes a 16 clubs de España e Portugal. Esta proba está organizada polo Club Remo do Miño coa colaboración do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra,  a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Remo. 

A presentación deste evento deportivo tivo lugar este mediodía na casa do concello de Tui a cargo do alcalde en funcións, José Ramón Magán, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavidades, o presidente do Remo do Miño, Manuel Ángel González, e o vicepresidente do club, Luís Moroño.

José Ramón Magán, alcalde en funcións, lembrou a importante vinculación de Tui co río e co remo. Agradeceu o esforzo do Club Remo do Miño na organización desta proba ao longo destas catro décadas. Quixo destacar tamén que este ano a participación masculina e feminina estará moi igualada. 

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, puxo de relevo o apoio do concello ás competicións deportivas, salientando que é a primeira proba con carácter anual que se celebra no calendario deportivo da cidade. 
Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño e que participou coma remeiro na primeira edición da regata, destacou o gran éxito de participación que se rexistra nesta 2020, así coma o feito de que a presenza de remeiros e remeiras está case igualada. Outro dos puntos destacados por Manuel Ángel González é a presenza de catro deportistas olímpicos nesta competición, aproveitando para lembrar que nas filas do Remo do Miño hai xa catro olímpicos, Jesús González, José Ignacio Bugarín, Jacobo Moroño e Jacobo Suárez, aos que se sumará Rodrigo Conde que estará en Tokio 2020.

O vicepresidente do club organizador Luís Moroño indicou que se trata dunha proba “moi vistosa e cunha saída en liña espectacular”. Partirá dende Currás, para completar os seis quilómetros do campo de regatas até Tui. 
Daniel Benavides, o xefe provincial de Deportes, lembrou o compromiso acadado o pasado mes de setembro pola Secretaría Xeral para o Deporte para organizar unha liga galega de clubs de banco móbil, e darlle así un empuxe novo a este deporte. Indicaba que Tui debe ser un dos lugares nos que se celebre unha das proba desta nova liga. 

350 deportistas, 16 clubs e 56 embarcacións

A XL Regata Miño Internacional contará cunha participación de record neste 2020 ao estar inscritos 16 clubs de España e Portugal con 350 deportistas en 56 barcos que competirán en 8 con temoeiro, 4 Scull e 8 con temoneiro veterano tanto nas categoría masculina coma feminina.

Están inscritos seis clubs galegos: o Remo do Miño e o Remo Tui, o Club Mar de Noia, o Club Remo Vigo, o Ría de Marín, e o San Felipe. Competirán nove clubs portugueses: Académica de Coimbra, ADCJC Cerveira Remo, Sporting Clube Caminhense, Clube Naval Infante Don Henrique, Real Clube Fluvial Portuense, Galitos de Aveiro, Ginásio de Figueira da Foz, Viana Remadores do Lima e Sport Club do Porto. Tamén participará o club Mixto Málaga-Sevilla. 
A regata máis numerosa será a do Catro Scull Masculino con 16 embarcacións, seguida do Catro Scull Feminino con 15 barcos.  Haberá 13 barcos en competición en Oito con temoneiro masculino e 4 en feminino. Por último serán 8 as embarcacións que participen no Oito Veterano Masculino. 

A saída está prevista ás 11.30 h dende Currás, en Tomiño,  para completar unha distancia de 6 quilómetros até a liña de meta situada fronte á rúa Olímpicos Tudenses en Tui. A  entrega de premios realizarase ás 13 h.

 

Corenta anos de competición

A proba naceu hai corenta anos coma unha regata de participación aberta a calquera club da península. A primeira edición, que constaba de 16 quilómetros entre Goián e Tui, foi gañada polo Oito con Temoneiro do Remo do Miño adestrado por José Luís Méndez, cun tempo inferior a unha hora, que marcou récord nesta distancia que aínda non foi superado. 

En 1981 e 1987 a organización recaía en anos alternos entre o Club Remo do Miño e o Caminhense, sendo o campo de regatas entre Goián e Tui, ou entre Carregal e Caminha.  Dende 1988 o Club Remo do Miño asume cada ano a organización desta consolidada regata que contou en 1990 coa participación das universidades de Cambrigde e Oxford, e en 2017 do equipo feminino do First and Third Trinity College Boat Club da Universidade de Cambrigde.

Restriccións no tráfico

Debido á celebración da LX Regata Miño o sábado pola mañá estará pechado o acceso ao tráfico na rúa Olímpicos Tudenses.