Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Prestación da III Big Ride Tui 2014

22/05/2014

 

Xoves, 22 de maio. Mañá venres 23, ás 13.00 horas, no Parador de Tui, terá lugar a presentación da III BIG RIDE TUI, proba deportiva de bicicleta de montaña na modalidade de Enduro, organizada pola empresa tudense SherpaProject, en colaboración co Concello de Tui e Deporte Galego da Xunta de Galicia, que formará parte do Open de España de Enduro da Federación Española de Ciclismo, e que terá lugar este próximo domingo 25 de maio.

 

Na mesma estarán presentes o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o xefe de servizo de Deporte Galego da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o xerente de Sherpa Project, Guti Martín, así como os ciclistas que participarán na proba, o tudense Rubén Rodríguez e o corredor americano do equipo Cannondale, Ben Cruz.

 

Dentro das actividades que conforman este evento, hoxe xoves 22, ás 20.30 horas, no Estudio-Taller Fototeca, terá lugar a inauguración da exposición fotográfica “El Enduro también es arte”, conformada por imaxes de Jorge Leal, Wilson Ribeiro e Javier Boquete, fotógrafos que están seguindo o Open de España de Enduro, que estará aberta ata o domingo 25.

 

E na mañá do venres, ás 10.00 horas, os corredores Ben Cruz, Rubén Rodríguez e o francés François Bailly, acudirán ao colexio CEIP Nº2, onde mostrarán aos alumnos e alumnas de primaria do centro escolar as características da modalidade do Enduro, que poderán contemplar no circuíto da Big Ride Tui.