Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o Programa de Trilhos / Andainas saudables da Eurocidade para o ano 2012

6/03/2012

Na Biblioteca Municipal de Valença tivo lugar o acto de presentación do programa de trilhos ou andainas que organizan conxuntamente as concellerías de deportes dos municipios de Eurocidade Tui – Valença. Participaron neste acto o vereador de deportes da Cámara Municipal de Valença, José Monte, e o concelleiro de deportes do Concello de Tui, Nicolás Lorenzo Montes, acompañados dos representantes da empresa tudense Verde Azul e do Clube Celtas do Minho que monitorizan estes roteiros en Tui e Valença respectivamente.

O programa destas andainas abrangue 14 percorridos por ambos municipios, comezando xa este sábado 10 de marzo co primeiro dis itinerarios denominado “Trilho da Carvoeira” na freguesía valenciana de Boivão. A hora de concentración é ás 09,00 horas de Portugal na Igrexa Matriz de Boivão.

Comezou a presentación o concelleiro tudense que salientou como este programa se enmarca nun proxectos máis amplo de colaboración entre ambos municipios ao abeiro da Eurocidade. Destacou como Tui adheriuse recentemente ao Proxecto Galicia Saudable que promove a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e anunciou que este organismo está estudiando a posibilidade de crear na nosa cidade unha unidade tranfronteiriza de promoción do exercicio saudable en recoñecemento ao traballo que se está realizando en materia deportiva na nosa cidade.

De seguido a representante da empresa Verde Azul, encargada dos percorridos a realizar no municipio tudense, comentou como estes roteiros foron deseñados para complementar o exercicio co coñecemento e divulgación do patrimonio etnográfico que atesoura o medio rural tudense. Engadiu que son percorridos de caracter circular, que rematan no punto de inicio para facilitar o acceso a todos os interesados en participar.

Pola súa banda, a representante do Clube Celtas do Minho, amais de convidar aos participantes a dotarse de roupa axeitada e cómoda para os percorridos, indicou como neste programa foron excluídos os mes meses de xaneiro, febreiro e agosto pois presentan as máis adversas condicións climatolóxicas e mesmo en xullo foi programado un roteiro nocturno.

Finalmente o vereador de deportes da Cámara Municipal de Valença, José Monte, amais de agradecer o traballo de programación realizado polos técnicos municipais e as entidades colaboradoras presentou o “pasaporte” que se entregará a todos os participantes para anotar a súa participación nos diversos roteiros. Comentou que haberá agasallos para os asistentes ás diversas andainas, e que non é preciso realizar inscrición previa unicamente presentarse no lugar de inicio.

Son 14 andainas as programas, oito no municipio de Valença, cinco no concello tudense e unha conxunta como é o Camiño de Santiago no seu percorrido por ambos territorios a celebrar o 9 de xuño con 22 quilómetros de camiñada.

 

Ver programa (PDF)