Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentada a guia turistica da eurocidade Tui-Valença

12/11/2013

 

Unha publicación basicamente de fotografias que amosa as potencialidades da Eurocidade

 

Hoxe tiña lugar a presentación do libro “Eurocidade Tui-Valença” na Pousada de Valença presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, e acompañado polo presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro Mendes e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez    

        

Esta é a primeira publicación da Eurocidade que retrata a realidade, os números, a história e o traballo conxunto de Valença e Tui e que pretende abrir novos vieiros de oportunidade ao afondamento das relacións entre as dúas ribeiras do Miño.

 

No acto estaban presentes do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, xunto a outras autoridades locais e comarcais.

 

A Eurocidade ten unha poboación total de 31.359 habitantes nun área aproximada de 169 km2 e distribuída en 28 parroquias, que desde o pasado ano camiñan xuntas cara o desenvolvemento económico, comercial e turístico do conxunto luso-galaico.     

 

O libro é unha iniciativa da Cámara Municipal de Valença do Minho e o Concello de Tui, co que buscan divulgar o patrimonio artístico, cultural e gastronómico da Eurocidade baixo o lema “Dúas cidades, tres linguas e dous pobos, unidos por un río, unha emoción e unha vontade”. Foi financiado pola Xunta de Galicia a través do programa Poctep de dos fondos Feder.

 

O afianzamento da  unión destas cidades históricas é o obxectivo primordial, para favorecer a cohesión social e traballar xuntas na evolución comercial como ben mostran a iniciativa das andainas que cada fin de semana se realizan conxuntamente na Eurocidade .

 

Composto por 9 seccións, o libro fai un percorrido polos puntos clave das dúas cidades coma o marco xeográfico, histórico, rotas de arte e patrimonio, o Camiño de Santiago, a natureza, a orixe e creación da Eurocidade, así coma unha lista completa dos servizos públicos de ambas localidades. Supón unha guía sobre a oferta turística da Eurocidade.

 

O libro está editado tanto en galego coma en portugués, cunha sección última de información en castelán e inglés.

 

Destaca a peculiaridade do libro pola súa abundancia de material gráfico, un total de 95 fotografías a gran tamaño, deleitando aos lectores coas mellores  e máis representativas instantáneas de Valença e Tui. As fotografías e maquetación do libro corresponden a Gus Abreu.

 

O alcalde de Tui na súa intervención sinalaba que Hoxe completamos outra etapa da Eurocidade, coa presentación desta guía turística da Eurocidade que xorde dende o convencemento que posuímos, tanto a Cámara Municipal de Valença como o Concello de Tui, de que o turismo é un factor estratéxico no progreso das nosas cidades. A mobilización dos nosos recursos endóxenos resulta unha ferramenta imprescindible nestes momentos de crise. Valença e Tui, Tui e Valença conforman un destino turístico de primeira dimensión, cunha oferta patrimonial, comercial e de paisaxe natural certamente de grande atractivo. Este libro é unha auténtica carta de presentación da nosa oferta turística, das posibilidades que ofrece o noso legado cultural e natural… pero é tamén un acicate para o noso traballo, pois cómpre avanzar na posta en valor destes recursos, nun labor colectivo no que precisamos a implicación de todos os axentes sociais, tanto públicos como privados.