Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación do libro “Ribadelouro; terra e auga é vida” de Manuel Vázquez de la Cruz

10/10/2023

Será este sábado, 14 de outubro, ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez

Este sábado, 14 de outubro, terá lugar a presentación do último libro do tudense Manuel Vázquez de la Cruz titulado “Ribadelouro; terra e auga é vida” recentemente editado e que recolle as numerosas vivencias e experiencias acumuladas polo autor centradas arredor da súa parroquia de Ribadelouro. Este acto comezará ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez González no Edificio “Francisco Sánchez”.

Nesta presentación o autor, Manuel Vázquez de la Cruz, estará acompañado pola súa irmá Marita Vázquez de la Cruz (prestixiosa xurista, presidenta da asociación Diálogos 90 pioneira nos temas de igualdade e Medalla de Ouro da cidade de Vigo en 2018) xunto coa escritora Marga do Val (autora de diversos poemarios, tradutora e crítica literaria e que co seu libro “A cidade sen roupa ao sol” logrou o Premio da Crítica de poesía daquel ano 2010).

Ao longo deste acto haberá un vídeo en lembranza de Laura Landeira, xunto coa actuación Mijail Ghanime Comesaña, con guitarra e canto, e  tamén un baile de Patricia Ricón. En definitiva, un grupo de amigos de Manuel Vázquez de la Cruz que se reunirán en Tui para esta presentación.

O acto é de entrada libre ata completar o aforo e forma parte da programación de actividades da Biblioteca Municipal de Tui que ao longo deste mes se agrupan coa denominación de “Outubro, mes da Biblioteca”.