Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación das Escolas Deportivas Municipais

6/10/2011

O novo pavillón de deportes de Tui acolleu na tarde de onte a presentación das escolas deportivas da Deputación que este curso se van impartir en Tui. Son concretamente as de patinaxe, balonmán e fútbol.

O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o deputado Pablo Baquero, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, representantes da Federación Galega de Patinaxe e Balonmán, do Club Balonmán Tui e do Tyde C.F.,  así coma os monitores destas actividades.

O edil de Deportes agradeceu á Deputación o esforzo feito para que en Tui se poida contar con estas tres escolas, e agarda que o próximo ano se poidan sumar outra de deportes que comezan na cidade coma o tenis, o xadrez e o atletismo.  Convidou ao nenos a aproveitar estas actividades sobre todo no caso de patinaxe onde pese a haber 40 prazas máis que o ano pasado houbo nenos que quedaron fóra. Precisamente a gran aceptación que o patinaxe ten na cidade referiase Nicolás Lorenzo, ao tempo que facía unha invitación aos pais e nais a formar un club deste deporte, no que terán o apoio do Concello.

O deputado Pablo Baquero expuxo que é un orgullo para a Deputación que esta escola teña incrementado o número de participantes superando os 450 nenos e nenas, o que dicía, é un éxito, que quixo transmitir tanto ao concello coma ao Tyde, coma ao club de balonmán e a Federación de Patinaxe.  Tras cinco anos coas escolas deportivas Pablo Baquero afirmaba que dende a institución provincial seguirán apostando polo deporte base, ao tempo que animaba ao concello a que siga implicado no deporte, para o que terá a colaboración da Deputación.

Por último alcalde, Moisés Rodríguez, agradeceu a participación tan importante lograda na cidade, destacando a importancia de que os nenos se poidan iniciar na práctica de distintos deportes, e máis adiante decantarse por un deles. Salientaba tamén que para o Concello o deporte é importante, apuntando que neste senso o municipio conta con magníficas instalacións que hai que coidar e respectar segundo sinalaba.

Listado de admitidos por grupos patinaxe (PDF)