Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación da biografía sobre Basilio Álvarez no ciclo “Sobredo 101 anos despois”

14/11/2023

A Sala Félix Rodriguez acollerá este acto mañá mércores ás 19.30 h

Este mércores, 15 de novembro, lugar a presentación do libro “Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez”, obra Miguel Cabo Villaverde, profesor de historia na Universidade de Santiago de Compostela editada pola Deputación de Ourense. A presentación terá lugar na Sala Félix Rodríguez González, no Edificio Francisco Sánchez de Tui ás 19.30 h, e correrá a cargo do propio autor.

A actividade, está organizada polo IEAMSO, Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, no Ciclo “Sobredo, 101 anos despois” e conta coa colaboración do Concello de Tui.

Motiva esta actividade o feito de que hai 80 anos, precisamente o 15 de novembro de 1943, morre no exilio, Basilio Álvarez; na súa faceta de líder agrario foi quen de mobilizar a sociedade galega da súa época na loita contra foros e caciques, e pola xustiza e a verdade.

Miguel Cabo, historiador especializado en historia rural e historia social, sinala o interese de achegarse á figura de Basilio Álvarez, que lideraba a opinión pública galega nas primeiras décadas do pasado século na súa condición de líder do movemento agrario, pero “sabemos pouco da súa figura máis aló da personaxe que el mesmo creou”. “Un orador portentoso, consciente do espectáculo que é a política”, comentou Cabo sobre Basilio Álvarez.

Este ciclo de actividades continuará o vindeiro mércores 22 de novembro coa presencia de Aurora Marco presentando o seu traballo sobre as mulleres do Seminario de Estudios Galego e se completará co tradicional acto xunto ao Monumento en Sobredo, en lembranza dos Mártires, o domingo 26 de novembro.