Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As piscinas municipais serán completamente renovadas ao remate da temporada estival

7/07/2022

O orzamento da obra supera os 300 mil euros que serán financiados con cargo ao Plan Concellos

O Concello de Tui, dentro do programa de rehabilitación e mellora da totalidade dos equipamentos públicos, vai acometer ao remate da temporada estival obras de reforma e acondicionamento nas piscinas municipais. O orzamento previsto ascende a 306.238,95 € financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que as piscinas  municipais "dende que se crearon non tiveron practicamente ningunha obra de mellora nin de acondicionamento". Coa actuación proxectada reformarase esta instalación “ para gañar en accesibilidade e que teña un entorno máis harmonioso”.

As obras a executar, segundo o recollido no proxecto, contemplan por unha parte o acondicionamento da edificación coa humanización do espazo exterior inmediato ao edificio, favorecendo a accesibilidade. Levarase a cabo a limpeza do tellado e da pedra de peche, revestindo a parte central da edificación cun panel composite no que se colocará a sinalización do edificio.

Procederase tamén a substitución dos lavabos e espellos, acondicionamento de vestiarios para persoas con discapacidade, reparación das instalacións, pintado exterior e colocación dun novo pavimento na terraza exterior.

Na piscina de adultos, cunhas dimensións de 25m x 12,5 m, será substituído o gresite por revestido cerámico con melloras de impermeabilización, executarase unha rampla interior con pasamáns para acceso para persoas con discapacidade. Tamén se realizará un novo acabado na explanada con inclusión de rexilla cerámica mantendo o sistema desbordante.

Mentres na piscina infantil executarase un novo perímetro de vaso sobre a base existente, transformarase en vaso desbordante pola parte leste, executarase unha zona de xogos con chorros verticais e xogos centrais de choiva. Tamén será instalada un pérgola para xerar sombra.

 

Amais no proxecto previsto contémplase a substitución da bomba xeral das dúas piscinas e da bomba de filtración. Tamén se prevé a substitución do sistema de clorado por un xerador de ozono que ten maior capacidade desinfectante, menor toxicidade, non ten olor, nin irrita os ollos nin a pel. Ao tempo contribúe ao aforro de auga.

A substitución de válvulas, pernos, un novo cadro de control e mando, e a adecuación de cables e tubaxes forma parte tamén da actuación prevista xunto ao derribo da edificación onde esta maquinaria para construír nunha nova con estrutura metálica apoiada nos muros existentes.

Coa execución deste proxecto, que estará listo para o verán de 2023, a piscina municipal gañará en accesibilidade e eficiencia, ao tempo que contará cunhas instalacións máis modernas.

O Concello de Tui avanza no cumprimento das liñas marcadas pola Axenda Urbana Española e con esta iniciativa responde ao Obxectivo número 2 "Evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente" que propón, entre outros moitos aspectos, "deseñar un sistema de dotacións e equipamentos locais axeitados e equilibrados, cuantitativa e cualitativamente e tendo en conta o criterio da proximidade (...) con especial atención ás zonas verdes e espazos de convivencia...".