Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Paco Nogueiras, o Rey Midas, Brais das Hortas, Patty Difhusa e Migallas actuarán para o público familiar nas Festas de San Telmo

4/04/2023

Amais haberá seis pasarrúas con Cé Orquestra Troula Animación e Barafunda. Actuarán as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo e sairán os Xigantes e Cabezudos

Paco Nogueiras, o Rey Midas, Brais das Hortas, Patty Difhusa e Migallas serán os protagonistas dos espectáculos para público familiar na carpa da Corredoira dentro da programación das festas de San Telmo. A cita será cada día ás 18:00 h entre o martes 11 e o sábado 15.

O martes 11, o Rey Midas ofrecerá o seu espectáculo “Maxia cómica”, no que mesturará trucos de ilusionismo con episodios cómicos para conectar cos máis pequenos e pequenas.

O mércores 12 será a quenda Brais das Hortas co seu “Concertasso na Horta”, unha proposta de letras e arranxos coidados para colleitar risas e ter ganas de cantar, a través dun curioso trap entre hortalizas.

Patty Diphusa ofrecerá o seu “SúperHarte” o xoves día 13. Unha función onde a artista tentará chegar ao máis alto, literalmente, empregando todas as habilidades ao seu alcance: bailando, trepando ou incluso meténdose dentro de globos.

O venres 14 Paco Nogueiras achegará ao público a súa actuación musical “C@nto contigo”, na que, con palmas, sinais e a voz dos e das asistentes crea música en galego para todos os públicos, dun xeito cómico e cercano.

A última destas actuacións será o sábado día 15, da man de Migallas con “CantaXoga”.  Será cun espectáculo de teatro e música coa compañía dunha banda de “pulgas”, e onde os seus dous protagonistas realizan escenas cómicas.

Seis pasarrúas amenizarán as xornadas festivas

Amais seis pasarrúas amenizarán as xornadas festivas. Serán “Aves de Paraíso”, “Circo” e Cé Orquestra Pantasma, as agrupacións que percorrerán as rúas de Tui cunha animada proposta, de música e cor. “Aves de Paraíso”, de Barafunda Animación, percorrerá o paseo da Corredoira o venres día 14 ás 17:00 h e ás 19:00 h. “Circo”, de Troula Animación, farao o sábado 15, tamén no paseo da Corredoira, ás 17:00 h e ás 19:00 h. Finalmente, Cé Orquestra Pantasma inundará de festa o centro de Tui o domingo 16 ás 17:00 h e ás 19:00 h.

As charangas, tamén protagonistas

A charanga A Tu Ritmo chegará a Tui o este sábado día 8 ás 19:30 h. Volverá o próximo sábado 15 pola mañá, ás 12:00 h, para inundar as rúas da súa música e alegría, e volverá a facelo ás 20:00 h do mesmo sábado. Pola súa banda, a charanga Cantos Somos estará na praza da Inmaculada este sábado día 8 ás 12:00 h e o próximo luns 17, Luns de San Telmo, no mesmo lugar ás 17:00 h. Tamén os Xigantes e Cabezudos, volverán saír á rúa con motivo das festas patronais este sábado día 8 ás 12:00 h e o próximo luns 17, Luns de San Telmo, ás 17:00 h.