Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os poetas Manuel Forcadela e Marta Dacosta participan no Recital Poético conmemorativo do CXXI Aniversario dos Xogos Florais de Galicia

25/06/2012

Tivo lugar o domingo 24 de xuño ás 19,00 horas na Igrexa de San Domingos.

 

A concellería de cultura do Concello de Tui conmemorou este domingo 24 de xuño o CXXI aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao seren o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. Con tal motivo tivo lugar un recital poético ás 19,00 horas na Igrexa de San Domingos no que participaron os poetas Manuel Forcadela e Marta Dacosta. No decurso do recital poético houbo un acompañamento musical ao acordeón polos alumnos do Conservatorio Municipal de Música de Tui, Alexandre González Fernández e Sheila Domínguez Gómez.

O Concello de Tui ven realizando dende o ano 2008 un acto poético en lembranza deste acontecemento cultural de tanta transcendencia para a cultura de Galicia. Téñense achegado ata Tui voces como Darío Xohan Cabana, María Xosé Quizán, Eva Veiga, Yolanda Castaño, Marga do Val, Alfonso Pexegueiro, etc. Neste ano, comenta a concelleira de cultura tudense – Vanesa Rodríguez Pereira-, contamos con dúas voces moi ligadas á nosa comarca do Baixo Miño: Manuel Forcadela e Marta Dacosta, que co recitado dos seus versos fixeron memoria daquela gloriosa xornada.

Manuel Santiago Fernández Álvarez, máis coñecido polo pseudónimo de Manuel Forcadela, nado en Forcadela, Tomiño, o 25 de xullo de 1958, é Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, Catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio en excedencia e, na actualidade, exerce como Profesor Titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Doutorouse en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal. Traballou como profesor invitado no Graduate Center da CUNY (City University of New York).

Colabora habitualmente en revistas e xornais, e é autor de máis dunha vintena de obras que abranguen a poesía, a narrativa e o ensaio literario

Marta Dacosta, Vigo, 1966, licenciada en filoloxía galego-portuguesa, docente en Ensino Medio. A súa obra está recollida tamén en publicacións colectivas como Intifada, ofrenda dos poetas galegos a Palestina, 8 e meio de Edicións do Dragón, Negra Sombra, intervención poética contra a marea negra; Homenaxe a Anxel Casal, Cartafol poético para Alexandre Bóveda; Volverlles a palabra; Polifonía. Voces poéticas contra a violencia de xénero; Vanakkam, Benvidas ou nas antoloxías Para saír do século, nova proposta poética, de Ed. Xerais, Efecto 2000, de Letras de Cal, Novas Voces da Poesía Galega, do Consello da Cultura Galega, Compañeira tristeza, antoloxía de poesía galega traducida ao ruso; Poetes gallecs d’avui, antoloxía traducida ao catalán, entre outras.

Colabora como articulista con diferentes medios de comunicación, investigou sobre a sintaxe do galego medieval e a súa reflexión literaria céntrase no papel da muller escritora, na súa xeración ou no significado simbólico do mar na poesía galega. Ten analizado a obra de autores como Manuel María, Victoriano Taibo ou Méndez Ferrín.

 

Xogos Florais

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado exclusivamente na nosa lingua, e que organizados pola Asamblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".