Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os grupos de Randufe, Rebordáns, Caldelas e Pazos de Reis participan na XIII Semana de Teatro Amador

6/04/2023

Celebrarase dende o martes 11 ao venres 14 ás 21 h no Teatro Municipal.

As artes escénicas están moi presentes na programación das Festas de San Telmo 2023.  O teatro será o protagonista dende o martes até o venres no Teatro Municipal de Tui da man de catro grupos locais que estrearán novas obras na XIII Semana de Teatro Amador. 

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, salienta esta aposta polo teatro afecionado durante as festas dando así visibilidade ao gran labor que se realiza nos distintos centros culturais das parroquias. Un evento no que os catro grupos participantes aproveitan para estrear as súas novas montaxes nas que levan traballando ao longo dos últimos meses.

Así o martes 11 o encargado de abrir esta XIII Semana de Teatro Amador será o grupo de Teatro Chirlomirlo de Randufe con “Don Quixote”. O mércores 12 será a quenda do grupo de teatro San Fins de Rebordáns con “A comisión da Valadas”. Mentres o xoves 13 o  grupo de teatro A Insua de Caldelas porá en escena “E ti, a que escola fuches?” e pechará a programación o venres 14 o grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis con “Deus (unha comedia)”. A cita será cada día ás 21 h.

As entradas para cada representación están xa á venda en tui.gal ao prezo de 2€. Cada xornada ás 20 h poranse á venda 100 entradas no despacho de billetes para a representación desta noite.  

ENTRADAS