Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os delitos e faltas baixaron un 30% nos dous primeiros meses do ano en Tui con respecto ao mesmo período de 2013

22/04/2014

Así se deu a coñecer hoxe tras a reunión da Xunta de Seguridade Local na que se afirmou que Tui é unha cidade segura

Martes, 22 de abril de 2014 . Esta mañá tivo lugar no Concello de Tui unha nova reunión da Xunta de Seguridade Local entre os corpos de seguridade do municipio tudense xunto coa presenza do subdelegado do goberno Antonio Coello e o alcalde de Tui , Moisés Rodríguez.

O subdelegado de goberno da provincia de Pontevedra, Antonio Coello, asegurou que, logo da reunión coa Xunta de Seguridade Local de Tui e as estatísticas resultantes dos últimos anos, Tui é unha cidade segura tendo en conta asemade o seu carácter de cidade fronteiriza, con dúas pontes internacionais,  152 núcleos de poboación, un gasoduto internacional, o albergue da  Diócese Tui-Vigo e 12 parroquias.

Segundo as estatísticas fornecidas polo subdelegado de goberno, o número de infraccións penais cometidas na cidade de Tui desde o ano 2012 ata a actualidade viuse reducido ano a ano. Así, no 2013 houbo  case un 6% menos de delitos e faltas en relación ao ano 2012. Estas infraccións penais reducíronse tamén no que vai de ano xa que, segundo os datos recollidos en relación aos meses de xaneiro e febreiro do 2014, este ano producíronse un 30% menos de delitos e faltas en relación aos meses de xaneiro e febreiro do 2013 .

Na Xunta fíxose especial mención tamén á valoración de Tui coma cidade “tranquila” en relación aos roubos a vivendas e propiedades privadas, segundo as cifras dos últimos anos.

As reunións de Seguridade Local buscan analizar cos alcaldes dos concellos pontevedreses e os seus corpos de seguridade as cifras relativas as infraccións penais dos municipios para tomar novas medidas conducentes a reducir ao mínimo a inseguridade cidadá mediante a colaboración conxunta dos diferentes organismos competentes, que no caso de Tui, implican a Policía Local e Garda Civil.

Así mesmo na reunión tratáronse tamén os plans estatais Director e Ocio que os corpos de seguridade están a levar a cabo en toda a provincia de Pontevedra. O Plan Director ten a súa área de actuación nos Centros Educativos co fin de informar non so a pais e docentes, senón tamén aos alumnos, acerca da seguridade e o bo uso das novas tecnoloxías entre outros temas. O Plan Ocio pola súa banda establece un control máis exhaustivo sobre a venta ilegal de alcohol aos menores nos establecementos de ocio.

Por outra banda, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, quixo mostrar a súa gratitude xa que os datos resultantes da Xunta de Seguridade son positivos aínda que, nas súas palabras, “non hai que relaxarse e máis agora coa celebración das Festas de San Telmo declaradas de Interese Turístico de Galicia” . Con tal motivo nesta vindeira fin de semana, na que se espera unha grande aglomeración polos festexos e actividades tanto lúdicas coma relixiosas, gastronómicas e culturais derivadas da festividade de San Telmo, o Concello de Tui proporcionará un reforzo dos corpos e forzas de seguridade do municipio para a maior tranquilidade e desenvolvemento das festas patronais de Tui. 

O alcalde de Tui, a súa vez, aproveitou para defender neste encontro,  a súa vontade de manter o Partido Xudicial en Tui como elemento dinamizador en Tui e de servizo aos cidadáns .