Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Once mulleres amosan a súa obra pictórica na exposición “O despertar dos sentidos”

4/10/2022

Estará aberta ao público ata o día 31 de outubro na Oficina Municipal de Turismo de Tui

Hoxe inaugurouse na Oficina Municipal de Turismo de Tui a exposición “O despertar dos sentidos” organizada pola Asociación Cultural Tyde coa colaboración do Concello de Tui. Presenta a obra pictórica de once mulleres pertencentes a Asociación Cultural Tyde.

María Fernández, María Garrido, Emilia González, Teresa Ruano, Isabel G. De Haro, Conchi Alonso, Mª Carmen Baquero, Fina Saa, Mª José Rodríguez, Loli González e Pilar Pereira amosan os seus cadros nos que plasman dende paisaxes ata bodegóns e dende retratos ata imaxes abstractas. A técnica empregada na maioría é a acuarela.

No acto inaugural estiveron esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo felicitar ás artistas salientando o seu traballo e a súa actividade. Di o rexedor que, á marxe do sentido cultural, tamén é salientable a súa acción en canto tecido asociativo, que aporta ese sentido máis social.

Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, felicitou ás integrantes deste colectivo pola creación de “rede”, ao tempo que as felicitou polas obras que agora presentan publicamente.

A Asociación Cultural Tyde está conformada por un grupo interxeneracional, coa integrante máis nova de 14 anos. Reúnese cada martes no baixo do edificio da Seguridade Social, fronte á igrexa da Misericordia, onde pode achegarse en horario de mañá ou tarde calquera interesado ou interesada, xa que aínda que na actualidade está conformada so por mulleres está aberta tamén á participación masculina.

A exposición “O despertar dos sentidos” está aberta na Oficina Municipal de Turismo de Tui ata o 31 de outubro, en horario de 9:30 h a 14 h e de 16 h a 19 h de luns a domingo.