Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Oito grupos tudenses participan no Festival Folclórico Festas de San Telmo este domingo

18/04/2019

Pola mañá actuará a charanga Cantos Somos e pola tarde a Banda de Música Popular de Tui e o grupo América

A música e o folclore protagonizan o segundo día das Festas de San Telmo este domingo, 21 de abril. O programa ábrese ás 12h co pasarrúas que polo centro urbano vai realizar a charanga Cantos Somos.

A partir das 18 h a cita estará no Teatro Municipal de Tui co Festival Folclórico Festas de San Telmo a cargo de oito grupos tudenses: Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro e o grupo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui. Interpretarán muiñeiras, ribeiranas, pandeiros, xotas... nunha tarde na que a nosa música tradicional enchera o teatro tudense. A entrada é gratuíta até completar a capacidade do patio de butacas.

Mentres no Paseo da Corredoira ofrecerá un concerto a partir das 20 h a Banda de Música Popular de Tui. En caso de choiva este evento musical cancelarase. Por último, tamén na Corredoira a partir das 21 h, terá lugar a primeira das verbenas das festas a cargo do grupo América.  O grupo está integrado na actualidade por Bruno Pla, Diego Grande, Sito Muíñoz, Eder González, David Failde e Manu Abalo. Ofrecerán un repertorio de versións de rock dos anos 70’, 80’ e 90’.