Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo atendeu no pasado mes de Setembro 3.693 consultas

13/10/2011

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu ao longo do pasado mes de setembro un total de 3.693 consultas efectuadas, O 75% destes visitantes eran de procedencia nacional, en concreto 2.777 persoas, namentras que o número de estranxeiros acadou os 916 visitantes, un 25% do total.

Da análise dos datos podemos comprobar como na procedencia dos turistas españois, salienta especialmente Madrid con 691 consultas, Castela e León con 325, Andalucia con 266, Cataluña con 243, Galicia con 229, continuando logo Valencia, Asturias ou o País Vasco. Na procedencia dos turistas chegados de aló das nosas fronteiras, destaca Portugal con 273 consultas, Alemania con 152, Francia con 67, Italia con 47, Irlanda con 39, Inglaterra con 37 e ata un total de 32 paises máis dos cinco continentes.

Salienta tamén dos datos estatísticos achegados pola Oficina de Turismo tudense que destas consultas 508 eran de peregrinos (282 estranxeiros –especialmente alemás, irlandeses e italianos- e 226 españois –destacando os madrileños, andaluces e cataláns) que testemuña a importancia que o itinerario de peregrinación posúe na nosa cidade.

Para a responsable de turismo tudense estes datos estatísticos evidencian que, a pesares da crise, o movemento turístico na nosa cidade aguantou no número de visitantes no pasado mes de setembro favorecido pola boa climatoloxía deste mes.

A Oficina Municipal de Turismo sita no Paseo da Corredoira está aberta ao público todos os días neste enclave emblemático da nosa cidade oficina, o seu número de teléfono 677 418 405 e o horario de apertura ao público de 10h a 20h de lúns a venres e 10h30 a 14h30 – 15h30 a 19h30 os fins de semana.

Para Raquel Lorenzo Pimentel, concelleira de turismo do Concello de Tui, este importante número de visitantes certifica a importancia que o turismo posúe na nosa cidade que recibe un importante número de visitantes atraídos polo noso patrimonio cultural e natural. Engade amáis que estes datos da Oficina Municipal de Turismo só recollen unha procentaxe reducida dos visitantes, pois os numerosos grupos organizados que se achegan ata Tui non realizan consultas nesta Oficina de Turismo.