Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Obradoiro de contacontos para nais e pais o lúns na Biblioteca Municipal

20/11/2009

A BIBLIOTECA PRESENTA O OBRADOIRO DE CONTACONTOS PARA PAIS "CONTAMOS TODOS"

 

Durante o transcurso do obradoiro a Biblioteca proxectará unha película dirixida aos cativos para facilitarlle aos pais a participación nesta actividade

 

A escritora e ensinante Amalia Pérez Otero analizará os aspectos positivos da lectura e dos libros na casa. Así as naie e os pais poderán adentrarse no mundo que a literatura actual ofrece no tocante aos libros para nenos. O obxectivo do obradoiro é realizar unha aprendizaxe, dun xeito divertido, do que é contar e inventar contos aos fillos coa finalidade de que sexa un momento de encontro entre eles e os pais e, asemade, a iniciativa pretende fomentar o gusto pola lectura.

 

O obradoiro terá lugar na Biblioteca Pública Municipal de Tui (Edificio Área Panorámica) o vindeiro luns 23 ás 18:30 horas e terá unha duración aproximada de 90 minutos. Para facilitar a asistencia dos pais a esta actividade, a Biblioteca proxectará unha película dirixida aos cativos, para que os seus pais poidan aisistir ó obradoiro.

 

Esta nova actividade da Biblioteca Municipal de Tui enmarcase dentro do seu programa para abordar actividades de animación e promoción da lectura, e xunto con espectáculos de diversa índole a Biblioteca tudense desexa ofrecer aos pais e nais ferramente para que a lectura resulte un elemento básico para o desenvolvemento dos rapaces e un xeito divertido de encontro familiar.

 

Achegamento á lectura

 

A actividade enmárcase dentro do programa "Letras Vivas" da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo. As actividades que se ofrecen a través deste programa caracterízanse por procurar un achegamento á lectura desde un enfoque interactivo que, sen esquecer nunca a diversión, axude a transmitir a paixón polos libros como fonte de goce e coñecemento. Neste caso, os pais de nenos pequenos son o obxectivo fundamental, xa que neles reside gran parte da responsabilidade á hora de trasladar o amor pola lectura ós seus fillos.


As propostas tampouco esquecen ningún sector do público. Moitas das accións están pensadas para os nenos e nenas, por ser esta unha etapa chave para a formación lectora das persoas, mais tamén hai alternativas para calquera outro sector de idade. De igual forma, atoparemos accións tanto destinadas a un público carente do hábito lector coma outras máis acaídas para as persoas xa amantes dos libros.