Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O vindeiro luns 24 de xuño recital poético con Ana Romani e Elvira Ribeiro conmemorativo dos CXXII anos dos xogos florais de Galicia

21/06/2013

Completa o programa a música de Alba Rodríguez e a Banda de Gaitas de Guillarei

 

O Concello de Tui conmemorará este vindeiro luns 24 de xuño o CXXII aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao seren o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. Con tal motivo terá lugar un recital poético ás 20,00 horas na Igrexa de San Domingos no que participarán as poetas Ana Romani e Elvira Ribeiro xunto coa música de Alba Rodríguez e a Banda de Gaitas de Guillarei.

 

O Concello de Tui ven realizando dende o ano 2008 un acto poético en lembranza deste acontecemento cultural de tanta transcendencia para a cultura de Galicia. Téñense achegado ata Tui voces como Darío Xohan Cabana, María Xosé Quizán, Eva Veiga, Yolanda Castaño, Marga do Val, Alfonso Pexegueiro, Marta Dacosta, Manuel Forcadela, etc.

 

Este ano como novidade e lembrando o concurso de gaiteiros que formaba parte do programa de actos destes Xogos Florais de 1891 se incorpora a este recital a Banda de Gaitas de Guillarei, que completa a súa participación cun pasarrúas previo ao recital dende o Paseo da Corredoira.

 

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado exclusivamente na nosa lingua, e que organizados pola Asamblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

 

Ana Romaní naceu en Noia no ano 1962, pola profesión do seu pai residiu na súa infancia en Tui, xunto co seu irmá Rodrígo.  Foi actriz de dobraxe entre 1985 e 1989. En 1988 realiza con Chema Gagino o programa A Viborona en RNE-Radio Catro. En 1989 incorpórase á Radio Galega. Desde 1990 dirixe nesta emisora o programa Diario Cultural, de emisión diaria. Promove o libro-cdNarradio. 56 historias no ar, e desde o ano 2007 o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

Funda con Antón Lopo o Laboratorio de Indagacións Poéticas, no que crean os espectáculos Ó outro extremo do paraíso (1997) eLob*s (1999) e coordinan A Boca Aberta. 1ª madrugada galega de espectaculos poeticos (2001). No ano 2002 realiza o recital Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade e A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos, con Anxo Quintela.

Participou na creación da revista Festa da Palabra Silenciada e na da asociación Mulleres Galegas na Comunicación. Elabora con outras autoras o estudo Muller e Medios de Comunicación. Imaxe e Protagonismo. Forma parte da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.

Participou na creación da Asociación Cultural Catavento de Noia (1983) e da revista artesanal Carabela de Xiada (Noia, 1983).

Ten editado numerosos libos de poesía como  Palabra de mar, 1987, edición da autora, Santiago. Das últimas mareas, 1994, Espiral Maior. Arden, 1998, Espiral Maior. Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música, 2005, Concello de Santiago. Estremas, 2010, Galaxia.

Tamén en Literatura infanto-xuvenil  ten publicado: Marmelada de amoras, 1997, Colección Nova 33.

Foi editora de  Antoloxía, de Antón Avilés de Taramancos, 2003; Coordinou o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003), promovido polo Diario Cultural, publicado en Xerais.

Ten recibido numerosos premios polo seus escritos e polo seu labor cultural.

 

Elvira Ribeiro, Mestra e licenciada en Filoloxía galego-portuguesa, é membro das Redes Escarlata. Publicou nos libros colectivos Sempre Mar. Cultura contra a Burla Negra, Os gozos e as sombras. 10+10 novas visións e Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia. Obtivo o primeiro premio no certame Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) en 2003 e unha mención especial no Faustino Rey Romero(Rianxo) no 2004. En 2011 gañou a sexta edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario Carnia Haikai.

Interesada na poesía visual e obxectual, colaborou co portal culturagalega cunha sección denominada Inventario Indócil.

 

Alba Rodríguez é una moza viguesa que ten musicado e interpreta a diversos autores galegos, especialmente a Rosalía de Castro, a quen quérese lembrar neste acto co gallo do 150 aniversario da edición do seu poemario “Cantares Gallegos”.

 

O cartel deste recital é un deseño, como en anos anteriores, de Enrique Maté.