Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O vindeiro 27 de xaneiro remata o prazo de información pública da ordenanza de tráfico no conxunto histórico

14/01/2014

O PRAZO DE INFORMACIÓN PÚBLICA DA ORDENANZA DE TRÁFICO DO CONXUNTO HISTÓRICO REMATA O 27 DE XANEIRO

 

Martes, 14 de xaneiro de 2014. O Concello de Tui aprobaba o pasado 28 de novembro a Ordenanza sobre a Regulación do Tráfico no Conxunto Histórico que inclúe a peonalización deste espazo histórico. O obxectivo é o de diminuír o ruído, a contaminación ambiental, o reforzamento dos recursos turísticos e comerciais, promover a habitabilidade e a substentabilidade e a recuperación do peón como elemento esencial da identidade urbana.

 

Para o Concello de Tui o conxunto histórico é una das prioridades do goberno municipal, quen busca mantelo coma un ámbito privilexiado de contemplación artística, de convivencia, de encontro entre veciños e desenvolvemento comercial das áreas afectadas.

 

Mediante a colocación de pilonas nos puntos de acceso, evitarase así a circulación dos non residentes ou estacionamento de vehículos na zona “intramuros”. promovendo un sistema de acceso a través dun mando ou por unha chamada “perdida” de teléfono e establecendo nas rúas que rodean este ámbito zonas exclusiva de estacionamento para residentes.

 

Con tal motivo o Concello de Tui abriu un prazo de información pública de 30 días para que todos os veciños que o desexen presenten as alegacións que estimen oportunas á ordenanza que regula o tráfico no conxunto histórico de Tui, para , entre todos , enriquecer e mellorar o texto aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación Municipal.

 

 Así llo facía chegar o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a través dunha carta enviada a tódolos veciños afectados pola nova ordenanza, lembrando que o prazo de presentación de ditas alegacións rematará o vindeiro 27 de xaneiro. “Certamente lograr que o noso conxunto monumental sexa un espazo atractivo para a vida cidadán e para o goce dos nosos visitantes, ao tempo que un importante recurso para o desenvolvemento colectivo, so o poderemos acadar coa participación de todos os veciños”, sinalaba o alcalde.

 

O texto íntegro da ordenanza está a disposición dos interesados na Secretaria do Concello de Tui e na páxina web: www.concellotui.org.