O venres 11 impartirase en Tui un obradoiro gratuíto en Habilidades Dixitais, dirixido a menores de 30 anos
O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui acollerá o venres, 11 de outubro, un obradoiro gratuíto de “Habilidades Dixitais”. Vai dirixido a mozos e mozas con idades entre os 18 e os 30 anos. Constará de 4 horas lectivas que se van impartir en horario de 10 a 14 h.
Esta actividade forma parte dos talleres Progresa Digitalmente, un proxecto formativo desenvolvido en España por Facebook coa colaboración de Acción Laboral, e neste caso do Concello de Tui.
Ao remate do obradoiro as persoas asistentes obterán a Certificación Internacional de Facebook en Innovación, Social Marketing, Presenza Web e Ciberseguridade.
Ao longo das catro horas farase unha introdución ao método de innovación denominado “Design Thinking” e darase conta dos beneficios do marketing social en diversas áreas. Outro dos contidos será a utilización e importancia das ferramentas web, ofrecendo consellos de seguridade online, para identificar as vulnerabilidades web e os métodos básicos para protexerse contra o phising e o malware.
As persoas interesadas en realizar estes obradoiro gratuíto poden inscribirse presencialmente no Centro Municipal de Formación de luns a venres de 9 a 14 h, nos teléfonos 986 60 39 49 ou no 670245 633 ou no correo cfo@tui.gal.