Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O tudense Emilio Estévez presenta o seu primeiro libro “El Báculo de San Epitacio”

5/10/2022

Será este venres ás 20 h no edificio Francisco Sánchez dentro da programación do Mes da Biblioteca

O edificio Francisco Sánchez acolle este venres, 7 de outubro, ás 20 h a presentación do libro “El báculo de San Epitacio; Susana, Susana” do tudense Emilio Estévez.  Esta é a segunda das actividades programadas con motivo do Mes da Biblioteca en Tui.

O propio Emilio Estévez será o encargado de desvelar ao público a historia que recolle na súa primeira novela, coa que debuta no panorama narrativo de aventuras. Será presentado por Eva González.

“El Báculo de San Epitacio” está principalmente ambientado en Tui. Cunha prosa áxil e cun ritmo imparable, o autor condúcenos pola historia seguindo os pasos dunha reliquia perdida no tempo. Trátase dunha novela que cabalga entre o xénero de aventuras e a novela histórica, sen desatender os aspectos máis profundos da natureza humana.

O propio autor sinala que “esta historia vivía dentro de min, e necesitaba escribila e compartila. É a miña primeira novela e estou moi orgulloso dela. É o primeiro paso dun camiño que estou desfrutando a cada momento. De feito, xa teño a segunda case lista”.

Emilio Estévez é natural de Tui, é Doutor en Matemáticas e Enxeñeiro Industrial de formación. Ata o momento a súa carreira profesional viña desenvolvéndose como xerente da que probablemente é a principal distribuidora de planta ornamental de Galicia e das máis importantes a nivel estatal, Coplant. Coa chegada da pandemia decidiu explorar unha inquedanza que tiña dende tempo atrás e comezou a plasmar no papel unha historia que, se ben percorre escenarios de ficción nunha aventura trepidante, o lector poderá atopar nas súas liñas certa dimensión autobiográfica.

A entrada á presentación este venres, ás 20 h, é libre.