Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal de Tui acolle funcións de teatro, cinema e monicreques para o alumnado

24/02/2024

Teatro clásico, cinema, e monicreques centran as actividades que estes días se desenvolven no Teatro Municipal no edificio Francisco Sánchez dirixidas ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.

O Concello de Tui, da man da Concellería de Ensino, Mocidade e Cultura ven de realizar diferentes actividades para os escolares dende este pasado martes día 20 até o próximo martes día 27.

Así este martes, 20 de febreiro, en colaboración coa Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos. O teatro tudense foi, por terceiro ano, unha das sedes do Festival Grecolatino acollendo a representación de "Antígona" de Sófocles e "Mostelaria" de Plauto polo grupo Corzos Reunidos ás que asistiron máis de mil estudantes de Secundaria non só de centros educativos de Tui senón tamén doutros puntos de Galicia.

O xoves a cita formou parte do programa conmemorativo do Día de Rosalía co que se busca “achegar á sociedade tudense e a mocidade á muller , á poeta, á galeguista, á defensora das inxusticias e á que nos abriu camiño a todas e todos os galegos” como explicaba a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente. En concretou tratouse da proxección da curtametraxe “A rosa incandescente” dirixida a alumnado dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, Seminario  Menor e Colexio Maristas  no que se contou coa presenza da súa guionista e produtora Anxos G.Fonte.

O próximo martes, 27 de febreiro, o Teatro Municipal acollerá, en colaboración cos centros educativos, a representación do espectáculo “Titiricircus” da man de Tanxarina. Novamente completarase o aforo deste espazo, nas dúas funcións previstas ás 10 e ás 12 h, co alumnado do CRA Mestra Clara Torres, os CEIP’s Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Rebordáns e Randufe.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca coma ao longo destes días son preto de 2000 escolares os participan no Teatro Municipal nas actividades programadas.