Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres a obra ‘Hugo’

14/11/2022

O espectáculo infantil da compañía Os Náufragos, triplemente galardoada este ano, será ás 19.30h. As entradas están á venda por 4 e 3 euros en www.tui.gal

‘Hugo’, da compañía Os Náufragos é a proposta do Teatro Municipal nunha nova cita cultural de outono en Tui. Será este venres, 18 de novembro, ás 19.30h. Trátase dun espectáculo teatral infantil de 45 minutos e triplemente galardoado este ano como mellor espectáculo para a infancia nos Premios María Casares, como Espectáculo Fetén 2022 e como Espectáculo Galicia Escena Pro.

Nesta obra cóntase a historia deste rapaz diferente ao que lle gustan moito os avións e tocar o piano. Hugo é diagnosticado con TEA, trastorno do espectro autista, e recibe a visita diaria de Laia, á que lle gusta falar e as plantas. A través das súas conversas, profundízase na empatía, na necesidade de comunicarnos e na beleza da diferencia.

Dirixida por Gustavo del Río, ‘Hugo’ conta coa interpretación de María Rojas e Jimmy Núñez. Está recomendada para maiores de 4 anos. As entradas xa están á venda en tui.gal aos prezos de 4 e 3 euros e se poderán adquirir ata media hora antes do inicio da función.