Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O Teatro Municipal cumpre hoxe catro anos, consolidado como referente cultural no sur de Pontevedra

11/04/2007

O Teatro Municipal cumpre o mércores 4 anos
Nos dous primeiros meses do ano foi a sala con máis espectadores por función da Rede Galega

O Teatro Municipal de Tui, na Área Panorámica, cumpre mañá mércores 11 de abril, catro anos dende que acolleu o primeiro espectáculo. Neste tempo tense consolidado como un referente cultural non só na comarca do Baixo Miño senón en todo o sur da provincia de Pontevedra, e atraendo a público do norte de Portugal.

Tan só nos dous primeiros meses deste ano Tui foi o concello da Rede Galega de Teatros e Auditorios que maior número de espectadores por función rexistrou, un total de 294,5, segundo se desprende dos datos feitos públicos polo IGAEM. Estas cifras veñen refrendar a aposta feita dende a Concellería de Cultura por unha programación estable e de calidade que se leva a cabo neste espazo escénico e que se ten gañado un público fiel que cada venres acode ao Teatro.

As cifras anuais falan por si soas, en 2004 celebráronse 50 espectáculos aos que asistiron 18.500 persoas, en 2005 houbo 62 actividades e máis de 21 mil persoas, e en 2006 o Teatro acolleu 84 eventos, organizados directamente por Cultura ou coa súa colaboración, que reuniron a 21 mil persoas.