Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O próximo martes celebrarase unha xornada de estudo sobre Francisco Sánchez

10/11/2023

Está organizada polo Consello da Cultura Galega o Concello de Tui

O vindeiro martes, 14 de novembro, a cidade de Tui acolle unha xornada de estudio sobre Francisco Sánchez no IV centenario da súa morte. Celebrarase a partir das 16 h na Sala Félix Rodriguez González con entrada libre. Na mesma catro especialistas achegarán a traxectoria vital e a obra do egrexio pensador tudense ao público. A organización corresponde ao  Consello da Cultura Galega e ao Concello de Tui.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, indica que esta  “é unha excepcional oportunidade para achegarse ao coñecemento da vida e obra deste médico e filósofo, nado en Tui no ano 1550, e cuxa transcendencia para o pensamento europeo quedará recollida nesta xornada. Sonsoles Vicente anima aos interesados a participar nestas sesións, que agarda contribúan ao coñecemento deste persoeiro como unha das grandes referencias da historia bimilenaria da nosa cidade.

A xornada comeza cunha intervención a cargo de Rafael Sánchez Bargiela que centrará a biografía da figura homenaxeada. De seguido, Suso Vila abordará a ascendencia xudía de Francisco Sánchez e afondará no Tui da época e as relacións con Portugal. Sobre o perfil médico de Sánchez falará Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria, de Madrid, e reputado especialista na historia da medicina no século XVI. Remata esta xornada con Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior (Covilhã) en Portugal, que analizará o seu pensamento filosófico, ao que ten dedicado diversas publicacións.

A xornada pecharase cun concerto no Teatro Municipal a cargo do coro de cámara Vox Stellae titulado “A propósito de Francisco Sánchez “o escéptico”. É de entrada libre. 

Os participantes nesta xornada poderán visitar a exposición conmemorativa deste centenario de Francisco Sánchez que está ao longo deste mes na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui.

Sobre o homenaxeado

Francisco Sánchez, coñecido como “O escéptico” ou “O Tudense”, tivo un espírito polifacético, que o leva a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur («Que nada se sabe»), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.

Naceu en Tui como asinou el mesmo asinou na súa inscrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564 pois está documentada nesta localidade a presenza do seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial aos “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bórdeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmente en Tolosa (Francia). Alí traballou como médico no Hospital de Santiago e incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu en Tolosa o 16 de novembro de 1623, hai agora 400 anos.